Esta iniciativa xurdiu tras dar os ciclistas Leonardo Piepoli e Stefan Schumacher positivo por EPO de última xeración.
A ciclista catalá Maribel Moreno foi a primeira deportista que marchou das Olimpíadas por causa da dopaxe
O Comité Olímpico Internacional (COI) anunciou esta cuarta feira que vai volver analizar todas as mostras tomadas durante os Xogos Olímpicos de Beixín 2008 para revisalas, na procura de CERA, unha EPO de última xeración, cos mesmos efectos que esta (aínda que máis duradeiros) pero que precisa de menos inxeccións, o que dificulta a súa detección nos controis.
Esta decisión, anunciada pola voceira do COI, Emmanuelle Moreau, tomouse xusto dous días despois de que a Axencia Francesa Antidopaxe anunciase os positivos do ciclista italiano Leonardo Piepoli e o alemán Stefan Schumacher, no pasado Tour de Francia, detectados grazas a un novo método aplicado polo laboratorio francés de Chatenay-Malabry e o de Lausana.
Cinco mil controis de dopaxe
O COI desenvolveu cinco mil controis de dopaxe durante as pasadas Olimpíadas de Beixín, e agora vai revisar as mostras recollidas no laboratorio suízo que emprega as novas técnicas.
Durante os Xogos xa se fixeran públicas as dopaxes da ciclista catalá Maribel Moreno, a ximnasta vietnamita Thi Ngan Thuong Do, o tirador norcoreano Kim Jong Su, as atletas Fani Halkia, de Grecia, de Lyudmila Blonska, de Ucraína e o levantador de pesas ucraíno Igor Razoronov. Unha vez terminadas as Olimpíadas, tamén se deron a coñecer as dopaxes dos lanzadores de martelo bielorrusos Vadim Devyatovskiy e Ivan Tsikhan, medallas de prata e bronce, respectivamente (tiñan niveis altos de testosterona), e do padexeiro polaco Adam Seroczynski, cuarto en K2, que deu positivo con clenbuterol. Este tres positivos aínda están pendentes de resolución.