A ciclista Maribel Moreno, a principal baza do equipo estatal para conseguir medalla en Beixín, deu positivo por EPO. É a primeira das 30 dopaxes que prognosticou o COI.
A un día de que se inaugurasen os Xogos Olímpicos de Beixín, o presidente do COI, o belga Jacques Rogge afirmaba que "por unha mera extrapolación dos datos recollidos en Atenas", na capital chinesa poderían saír á luz "entre 30 e 40 positivos por dopaxe".
Pois velaquí o primeiro, que se deu a coñecer esta segunda feira: o da ciclista aragonesa Maribel Moreno, unha das grandes esperanzas do combinado estatal para chegar á medalla en fondo e na contrarreloxo.
Moreno, que debía competir a vindeira quinta feira, deu positivo nun dos primeiros controis antidopaxe (dos 4.500 que se han facer), ao que foi sometida o pasado 31 de xullo na Vila Olímpica, segundo anunciou a voceira do Comité Olímpico Internacional (COI), Giselle Davies. Após facer a proba, a ciclista retirouse da competición, oficialmente por un ataque de ansiedade, polo que regresou á Península. A Comisión de Disciplina do COI vaina excluír dos Xogos e retirarlle a acreditación, mentres que a Unión Ciclista Internacional (UCI) vai comezar un procedemento de investigación sobre o caso.
A Federación Española lamenta o positivo de Moreno
Segundo revelou o doutor Patrick Schamasch, director médico do COI, foi un positivo por EPO clásica, ao tempo que confirmaba que este control era o resultado dunha "selección moi precisa" en función de informacións recibidas, ao parecer, da Federación Internacional.
Tras coñecer a noticia, Eugenio Bermúdez, secretario xeral da Federación Española e xefe do equipo olímpico de ciclismo en Beixín, declarou que é "lamentábel" que a corredora non entendese a mensaxe de "tolerancia cero e de que non hai escapatoria para os infractores".