Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conflito en Afganistán

O Exército paquistaní repele a tiros a intrusión no país de helicópteros estadounidenses

EUA decidiu secretamente en xullo darlle autorización ás súas tropas para cruzar sen permiso a fronteira de Paquistán.

Redacción - 12:00 22/09/2008

Soldados paquistanís dispararon sobre dous helicópteros do Exército de Estados Unidos este domingo, logo de que accederen ao espazo aéreo de Paquistán. Os vehículos víronse na obriga de retroceder cara a Afganistán, país aliado dos estadounidenses de onde partiran, informan as axencias internacionais.

Este é o segundo incidente deste tipo que se produce na última semana, e que reflicte o deterioro das relacións entre ambos os dous países, nos últimos anos de estreita colaboración. EUA acusa a Paquistán de non facer o suficiente na loita contra os combatentes da resistencia en Afganistán que se agochan en territorio paquistaní.

O goberno de George Bush decidiu o pasado mes de xullo, en secreto, darlle autorización ao seu Exército para cruzar a fronteira de Paquistán sen permiso previo das autoridades locais. O número de ataques estadounidenses con mísiles contra estas áreas tribais multiplicouse nas últimas semanas, provocando a morte dun número elevado de civís.

"Estabilizar Afganistán e derrotar Al Qaeda"

Este sábado, producíase un dos maiores atentados na historia de Paquistán nun hotel de Islamabad, a capital, considerado un dos últimos referentes occidentais no país. Bush aproveitou o ataque, atribuído a Al Qaeda, para xustificar as intrusións do Exército estadounidense.

Está previsto que o novo presidente paquistaní, Asif Alí Zardari, manteña unha xuntanza este martes con Bush, nos EUA, e que acuda á Asemblea Xeral da ONU. A alianza de países ocupantes en Afganistán considera crucial para o éxito da súa misión, "estabilizar o país" e "derrotar Al Qaeda", o apoio de Paquistán.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: