Ken Livingstone reuniuse esta cuarta feira co presidente Hugo Chávez de cara ás eleccións locais do 23 de novembro.
Chávez e Livingstone, nunha visita do primeiro a Londres
O ex alcalde de Londres Ken Livingstone asesorará os candidatos do Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV) que aspiran a cargos rexionais co fin de axudalos a mellorar o planeamento urbano de Caracas.
Livingstone reuniuse esta cuarta feira con estes -que aspiran a ser alcaldes e gobernadores logo das eleccións do 23 de novembro- e mais co presidente Hugo Chávez, para abordar o tema da rede de transporte urbano e un programa de seguridade urbana.
Os policías comunitarios permitiron en Londres baixar de xeito drástico a criminalidade, e a modernización da rede de autobuses permitiu aumentar na capital inglesa o número de usuarios nun 50%.
Chávez "pediume que continuemos traballando coa fin de utilizar a experiencia que tivemos en Londres para que Caracas se transforme nunha cidade de primeiro mundo", sinalou Livingstone á saída da xuntanza.