No medio de reiteradas críticas, o goberno chinés volveu dicir que non vai "aceptar inxerencias nos seus asuntos internos". Mentres, máis dun cento de atletas asinaron unha carta aberta ao presidente chinés, Hu Jintao, pedindo máis liberdades para os cidadáns.
Sexta feira, o día 8 do 8º mes do 2008, ás 08:08 horas, á noitiña en Beixín (14:08 horas na Península, sen contar Portugal, que vai unha hora por baixo). Esta cifra, con connotacións positivas para o pobo chinés, marcará o comezo dos Xogos Olímpicos de Beixín, os máis controvertidos dos últimos tempos.
A inauguración contará coa presenza de máis de 80 dirixentes de 80 países distintos, entre eles os presidentes dos EUA, Francia e Brasil, George W. Bush, Nicolas Sarkozy ou Luiz Inácio Lula da Silva, que, a pesar de anunciar, durante meses a súa ausencia, como medida de protesta pola vulneración dos Dereitos Humanos na China, finalmente, saíron na fotografía oficial co presidente chinés, Hu Jintao, esquecendo o boicot dos meses pasados.
China confía nos Xogos para limpar a súa imaxe internacional
China, como país anfitrión, confía en que as Olimpíadas lle sirvan para proxectarse como potencia mundial, tanto no terreo deportivo (é o país coa máis grande delegación olímpica) coma no económico.
A cerimonia, da que xa se puideron ver algunhas imaxes, moi a pesar do secretismo do Comité Olímpico Chinés, constará de toda unha serie de rituais, como a presentación do símbolo olímpico e a izada da bandeira chinesa, unha viaxe pola historia do país, o desfile das delegacións por orde alfabético, segundo o número de trazos do primeiro dos caracteres en chinés (á fronte da española, e con bandeira, David Cal), e o lanzamento de 30 mil foguetes e bombas de palenque. Un dos segredos que aínda ninguén puido desvelar é quen vai acender a larada olímpica.
As últimas críticas internacionais, antes que todo comece
Dende que partiu, o pasado mes de abril, o facho olímpico na súa viaxe polo globo, o goberno chinés tivo que se enfrontar ás voces críticas que, chegadas de diferentes gobernos, organizacións e institucións, se opoñían á carencia de liberdades dos cidadáns chineses e ás políticas discriminatorias que China desenvolve no Tíbet e no Turquestán Oriental.
Na mesma véspera do comezo dos Xogos, esta quinta feira, o presidente dos EUA, George W, Bush, dicía que estaba moi preocupado pola carencia de liberdade e de respecto dos Dereitos Humanos que existe na China; e Nicolas Sarkozy, como presidente de quenda da UE, lembroulle ao goberno chinés que non estaban de acordo co encarceramento, á forza e sen xustificación, dos defensores dos Dereitos Humanos.
Mais as autoridades chinesas volveron responder ao seu xeito, deixando claro que non han permitir inxerencias nos seus asuntos internos.
Máis dun cento de atletas asinan unha carta aberta dirixida ao goberno chinés
Pese ás proclamas do COI (e de todos os seus homólogos nacionais) para que os deportistas non lancen mensaxes políticos, 127 atletas asinaron unha carta aberta dirixida ao presidente chinés, Hu Jintao, reclamando máis liberdades na China. O documento apareceu na web Sports For Peace, apoiado por Amnistía Internacional Alemaña, e foi asinado por atletas de elite coma o lanzador de disco lituano Virgilijus Alekna, o saltador de lonxitude panameño Irving Saladino, a saltadora de altura croata Blanca Vlašić, a corredora estadounidense de 400 metros, DeeDee Trotter e o plusmarquista mundial de 110 metros valados, o cubano Dayron Robles. De entre estes, uns 40 deportistas piden, nun apartado, que se busque unha "solución pacífica" para o conflito do Tíbet, e que se "garanta a liberdade relixiosa e de expresión".
O documento non foi asinado por ningún deportista do equipo olímpico español, por cumprir a petición do COE, que se encargou de subliñar que a Carta Olímpica prohibe calquera declaración política.
Ademais, na véspera da inauguración, o disidente chinés He Depu, quen leva oito anos en prisión, divulgou unha carta remitida ao presidente do COI, Jacques Rogge, na que o convida a visitalo na súa cela para comprobar, ao vivo, os métodos do réxime chinés.