Medio Ambiente anunciou este sábado a medida, demandada dende hai anos, na 'IV Feira da Caza e Natureza'.
O director xeral de Conservación da Natureza, José Benito Reza anunciou este sábado na 'IV Feira da Caza e Natureza' da Veiga que a Consellaría de Medio Ambiente comezará a tramitar en outono a creación do Parque Natural de Pena Trevinca.
Reza explicou que o departamento está a traballar actualmente no Plan de Ordenación de Recursos Naturais do futuro parque, que abrangue os municipios de Viana do Bolo, A Veiga e Carballeda de Valdeorras.
"O gran obxectivo para a zona é crear o Parque Natural e potenciar así o desenvolvemento socioeconómico dos concellos incluídos na futura liña de protección", comentou Reza.
O Parque Natural de Pena Trevinca unirase aos seis espazos naturais xa existentes no país: Fragas do Eume, Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, Monte Aloia, Baixa Limia-Serra do Xurés, O Invernadeiro e Serra da Enciña da Lastra.