Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Esta semana

Condenan os responsábeis dos altercados da cimeira do G8 de Xénova

Sete anos após as torturas aos detidos e a morte de Carlo Giuliani, unha sentenza obriga a cumprir 24 anos de cárcere a 15 imputados, entre policías e médicos.

Redacción - 09:00 17/07/2008
Imaxe dunha das manifestacións contra o G8 en Xénova 2001 /Flickr: rogimmi

Imaxe dunha das manifestacións contra o G8 en Xénova 2001 /Flickr: rogimmi

A Fiscalía pedira un total de 80 anos de prisión que ao final quedaron en 24 mais, debido aos indultos e prescricións, ningún dos 15 condenados vai pisar o cárcere. Outros 30 imputados por agresión foron absoltos.

Tras doce horas de deliberación, o Tribunal de Xénova emitiu unha sentenza que foi considerada "extremadamente contraditoria" polo eurodeputado da esquerda Vittorio Agnoletto porque "non hai case ningún culpábel".

Pola súa banda, a organización Amnistía Internacional (AI) congratulouse de que "os maxistrados italianos fixesen responsábeis a individuos concretos das brutalidades acontecidas" en Xénova, mais para a ONG é só un paso "cara a rendición de contas polos abusos contra os Dereitos Humanos que tiveron lugar durante a cimeira do G8", sendo aínda preciso facer máis para "garantir que emerxe toda a verdade e que os responsábeis responden plenamente dos seus actos".

Aquela violenta cimeira do G8
Do 20 ao 22 de xullo de 2001 a cidade de Xénova, en Italia, acollía a xuntanza do G8, mais tamén foi escenario de graves enfrontamentos entre manifestantes antiglobalización e a policía de Berlusconi, dos máis violentos que se lembran dende que os países máis industrializados do mundo celebran as súas reunións periódicas.

O feito máis grave dos acontecidos naquela altura foi a morte de Carlo Giuliani, un activista antiglobalización de 23 anos, que foi abatido polos disparos dun carabinieri (policía militarizada). Ademais, a policía entrou na 'Escola Díaz', onde pasaban a noite centos de manifestantes, nunha violenta redada.

Após as detencións que se practicaron, moitos activistas foron conducidos á cuartel de Bolzaneto onde, segundo a acusación, os policías empregaron, polo menos, catro das cinco técnicas de interrogatorio que, segundo o Tribunal Europeo, están consideradas "humanas e degradantes".

Entre os 45 imputados atopábanse policías nacionais, policías penitenciarios, carabinieri e os médicos e enfermeiros que atenderon os activistas torturados.

Ningún dos imputados vai cumprir condena
A pesar do bo ánimo co que se acolleu a noticia da condena entre as organizacións que loitan polo cumprimentos dos Dereitos Humanos, quedou un furado sen tapar.

Segundo lembrou AI ao saber desta sentenza, aínda queda por mudar o feito de que a tortura non estea tipificada como delito no Código Penal Italiano. Isto significa que non se pode procesar a ninguén por tortura, aínda cando os malos tratos sufridos polos manifestantes puidesen considerarse como tal.

A condena máis dura, de cinco anos (que non vai cumprir), foi para Antonio Biagio Gugliotta, inspector de policía penitenciaria e responsábel da seguridade da comisaría de Bolzaneto en 2001, que estaba acusado de permitir o comportamento degradante dos seus axentes e de golpear, el mesmo, aos manifestantes durante o interrogatorio.
Tamén foi condenado o Ministerio do Interior italiano, que deberá pagar 15 millóns de euros, unha media de 70 mil euros para cada unha das 209 vítimas dos sucesos de Bolzaneto.

Mais a Xustiza aínda non pechou as contas do movemento antiglobalización, posto que segue aberto en Milán un outro proceso relacionado coa violencia da cimeira do G8, no que se xulga aos axentes que irromperon con violencia na 'Escola Díaz'.


Ligazóns

5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Unha furgoneta dos 'carabinieri' ardendo / Flickr: hansoete
Unha furgoneta dos 'carabinieri' ardendo / Flickr: hansoete
Imaxe dos altercados de xulo de 2001 en Xénova / Flickr: orianomada
Imaxe dos altercados de xulo de 2001 en Xénova / Flickr: orianomada
Os activistas durmindo no Estadio Carlini, Xénova / Flickr: orianomada
Os activistas durmindo no Estadio Carlini, Xénova / Flickr: orianomada
Fotografía de Carlo Giuliani, asasinado durante os altercados na cimeira
Fotografía de Carlo Giuliani, asasinado durante os altercados na cimeira