"Se Galiza fose un Estado teriamos a dignidade de dicir 'na miña casa mando eu'"
Visitámolo no psiquiátrico onde vive dende hai corenta anos. Non lle gusta que o metan no "galeguismo histórico", aínda que fundase as Mocedades Galeguistas en Bos Aires e o Consello da Mocedade en Galiza.
Vive nun psiquiátrico (todo o mundo lle chama así, aínda que sexa o Centro Residencial e Rehabilitador San Rafael) que se construíu a comezos dos anos cincuenta e que segue estando igualiño que cando se abriu, a non ser porque cae a cachos.
En medio século apenas se fixeron algunhas reformas en San Rafael. Mantense de pé, enorme como é e frío, case de milagre. Hai tempo que se vén denunciando o seu estado, e tamén o dos máis de cen internos que viven nel, pero agora está no limbo estraño das competencias, e agárdase que en breve pase de mans da Deputación Provincial de Lugo ao Sergas.
Aparece ao fondo da estrada, nun campelo ao terminar a vila de Castro de Ribeiras de Lea, no medio e medio da Terra Chá. Os afeccionados aos filmes norteamericanos de medo, dos máis malos, recoñecerían as imaxes que se van sucedendo conforme nos achegamos ao predio. Parece que estamos de volta nos cincuenta e diluvia. Hai unha hora que Antón Moreda está agardando por nós sentado na entrada, no enorme recibidor aberto onde tamén permanecen parte dos traballadores do centro. Antón Moreda Rodríguez Vive nel dende hai máis de corenta anos e entrou "en beneficencia" após ser operado dunha úlcera de estómago en Lugo. Despois de pasar un tempo en San Rafael, volveu para a súa casa, en San Miguel de Reinante (Barreiros, A Mariña) pero as cousas non lle gustaban como estaban alí (súa nai volvera casar, logo do pasamento de seu pai, e tiña problemas co seu home, despois vendeu a casa...), e decidiu regresar para San Rafael. Tiña 32 anos. Agora ten 71.
Pero antes diso Antón Moreda fixo abondas cousas, e segue a facelas porque, segundo di, "non quero quedar estancado". Sempre foi un home moi activo, xa dende mozo. Seus pais emigraran a Cuba e levaran o neno con eles, pero o clima non lle sentaba moi ben, e regresou a San Miguel para vivir cos avós. Neste tempo seu pai dera aviso: "que el niño aprenda castellano". Parecíalle que era a lingua que ía precisar. "Era americanista; fixera cartos en Cuba cando a guerra", vendendo a prezos altos produtos necesarios, dixo Moreda de seu pai cando lle preguntamos se fora el quen lle inculcara, se cadra, o sentimento galeguista: "O galeguismo ten dous matices, o político e o relacionado co sentimento. Podes sentirte galego, pero o importante é que ese sentimento se convirta en accións de tipo político", sentencia.
El entrou en contacto co galeguismo político en Bos Aires, cando era un mozo que traballaba na contabilidade mecanizada. Alí resucitaron as Mocedades Galeguistas, mocearon, cantaron e alí berraron "e mesmo andamos a hostias". Aquelo era "a Galiza soñada de Castelao". Eran os primeiros cincuenta. Vídeo 1
As Mocedades Galeguistas en Bos Aires: a "Galiza soñada de Castelao"
Despois volveu á terra. Primeiro viñeron explorar uns poucos para ver como ía a cousa no país, e como ía andando un réxime que lles fixera fuxir dos seus fogares e armar unha nova vida do outro lado do Atlántico.
Cando chegou súa nai agardaba por el en Vigo. O primeiro que fixo, o servizo militar en Ceuta e manter un primeiro contacto co grupo Brais Pinto de Madrid. A seguir, marchou para San Miguel e montou unha granxa de porcos, pero as cousas non lle foron moi ben. Daquela comezou a traballar para Galaxia e a armar, na clandestinidade, o Consello da Mocedade. Vídeo 2
O Consello da Mocedade: como se puxeron de acordo os mozos dunha esquerda partida
Pero a fraternidade que vivira en América non era o mesmo en Galiza, e esa foi unha das decepcións. "Agora, satisfaccións, moitas", di Moreda sentado nunha cadeira no primeiro bar-restaurante á dereita, na estrada que vai de San Rafael ao centro de Castro.
O psiquiátrico de Castro é a súa residencia fixa, e nela goza de certos privilexios. Leva a biblioteca, estuda, le e conéctase á internet na sala máis retocada de todo o inmóbel. A rede gústalle "porque se pode retrucar", e andando nela pasa horas, mais tamén andando, aos poucos cara a vila, para tomar o café. Polas mañás hai actividades, e as tardes téñenas libres, momentos que aproveitan os internos para pasear, tamén polos corredores vellos de San Rafael, por cuxas paredes amarelas descenden pingueiras de anos, ou caen cables do teito, a moreas, coma se fosen plantas querendo medrar cara abaixo, na procura da luz.
Alí ten tamén o que el chama "o seu reduto", nunha esquina dun corredor con chan accidentado. A orde non impera no cuarto, pero está cheo de libros de inglés (un tempo deulle polo inglés, mais agora está co francés), de contabilidade, economía, política, literatura... amoreados. Tamén ten un televisor e unha chea de vídeos. Nun recuncho ten todo o preciso para se barbear. Vídeo 3
A vida no psiquiátrico
No tempo que leva en Castro Antón tampouco parou (agás cando tivo que gardar cama porque se sospeitaba que puidese ter tuberculose ou cando rompeu o fémur, que agora fai que camiñe paseniño cun seu bastón) e entre outras cousas, escribiu e montou, xunto con outra xente, a asociación Gaiola "para defender ao enfermo mental e ao traballador dos psiquiátricos", que sacou á rúa catro ou cinco números da revista Gaiola Aberta, na que se pretendía que escribisen tamén os internos. Agora a revista está financiada por un laboratorio que fabrica o medicamento que Moreda leva tomando todo este tempo: "tomo ese medicamento e escribo o que me dá a gana, pero sempre condicionado polo que tomo".
Ademais, fai parte do Partido Galeguista "por respecto ás súas siglas porque agora son conservadores, dálles por conservar a natureza. Son unha dereita un pouco rara". Nas pasadas eleccións municipais, Moreda ía concorrer co PG: "por dous non me presento para alcalde; e na miña lista ía xente de esquerdas. Mais a xente non votou, e o pobo, para min o único soberano que hai (haxa ou non haxa rei) ten a última palabra".
Comezou a fumar aos 12 anos e segue, como segue con moitas das cousas que comezou, como a carreira: licenciouse pola USC co grao Sénior, e agora anda a facer un traballo sobre o Consello de Galiza que vai lento, pero vai.