Antón Moreda Rodríguez naceu en San Miguel de Reinante no ano 1934. Desde a adolescencia mantén un compromiso nidio coa realidade nacional galega. Con dezasete anos emigra cos pais para América do Sul, e ubícase en Buenos Aires. Alá será cofundador e activista das Mocedades Galeguistas. Volta a Galiza cara 1960, onde profisionalmente traballará nun comezo na editorial Galaxia. No 1963 será cofundador e presidente do Consello da Mocidade. Nos anos novente fundou a Asociación Gaiola.
Revista Murguía (RM)
-Bon serán Antón
Antón Moreda (AM)
-Boa tarde.
RM.-Antón, tras de vosté fica unha dilatada traxectoria. No que atinxe ao seu compromiso político onde é que comeza o percorrido?
AM.-Foi nas Mocidades Galeguistas a miña iniciación no galeguismo; que en principio é un sentimento, é unha sociedade, moi ben organizada. Eu daquela tería... dezasete ou dezaoito anos. Non tiñamos idea do que era unha asociación, pero alí nos fomos formando con libros de actas, tesoureiro, presidente e organizámonos como filial da Irmandade Galega. A Irmandade Galega foi a que mantivo, digamos, a organización do galeguismo en Bos Aires. E alí me formei como nacionalista.
RM.-Isto que nos conta foi no ano...?
AM.-Creamos as Mocidades o 22 de agosto do 1953.
RM.-E a memoria de Castelao estaba aínda presente?
AM.-Claro, ao igual que o Partido Galeguista, a campaña do Estatuto...
RM.-Cal era o conceito que había de Castelao?
AM.-Castelao fora o que aglutinara galeguistas na Irmandade Galega; moitos que foran xa da Asociación Nazonalista Pondal. E como sucesores da Asociación Nazonalista Pondal. Despois, do galeguismo, da emigración e dos ideais que de pequenos nos meteron na cabeza saliron as Mocidades Galeguistas.
RM.-Off the record, falábanos de Moisés da Presa, membro da Sociedade Nazonalista Pondal que se acabaría integrando na Irmandade Galega ao pouco da súa fundación. Cal foi a súa colaboración nas Mocidades Galeguistas?
AM.-Moisés da Presa emprestábanos a súa casa. Alá faciamos xuntanzas e guateques. Chamábamoslles copetines.
RM.-E consistían estes copetines en...
AM.-Nestes había música en xeral. Cantábamos. Eu formaba parte do Coro Brétemas e Raiolas que empezara no Centro Coruñés, era un coro duns corenta e pico, especializado, digamos, en música popular galega e con conxuntos de baile.
RM.-E aí participaban como Mocidades Galeguistas?
AM.-As Mocedades Galeguistas tamén tiñamos conxuntos de baile propios. Había verdadeiros artistas... Xosé Casal, por exemplo. Ademais Emilio Pita dirixíu un conxunto de música, digamos, medieval... Tiñamos unha secretaría de cultura; eu fun secretario de cultura das Mocidades... dábamos conferencias, facíamos actos conxuntos con vascos e catalans...
RM.-E tiñan un pequena Galeuzca, non si?
AM.- Si, a cousa xuvenil levámola nós.
RM.-As conferencias que organizaban arredor de que temas xiraban. Historia, Política...?
AM.-Ás conferencias invitábamos a persoeiros da colectividade, exiliados a maioría, como o propio Luís Seoane, Ramón de Valenzuela e Otero, entre outros.
RM.-E volta a Galiza cara o 1960...
AM.-Cheguei. Recebiume miña nai en Vigo, acompañada dun que foi afiliado do Partido Galeguista, -e que escapou, como escaparon moitos, e casou no estranxeiro e volveu, coa muller, (el traballaba nuns laboratorios en Vigo, el era farmacéutico, dedicouse á investigación en Norteamérica...)-. Era Claudio Pérez Prieto. Trouxen varias cartas de Arxentina. Unha era para Emilio Pita, que fora dos Ultreia, outra para Tucho Beiras, o tío de Xosé Manuel Beiras Torrado, a quen lle traía outra carta, e outra para Illa Couto (que foi quen me conseguiu traballo en Galaxia). Ben, trouxen varias cartas...
Máis no nº9 de Murguía, Revista Galega