O 22 de agosto de 2003 cumpríronse cincuenta anos desde a creación das Mocedades Galeguistas na cidade de Bos Aires. Nesa data constituíuse esa "filial xuvenil da Irmandade Galega de Bos Aires" segundo dicía a acta constitutiva asinada, entre outros, por Xosé Neira Vilas, Vidal Pérez Graña, Carlos Abraira Cela, Antón Santamarina Delgado, Pilar Jeremías Cela, Denis Conles Tizado, Antón Moreda e Manuel Cordeiro. Nacen estas Mocedades para retomar o ideario que, no seu día, guiou á Federación de Mocedades Galeguistas na Terra. Mozos e mozas galegos e fillos de galegos escoitaron o saúdo afervoado de Suárez Picallo quen dixera: "Afinco esta miña espranza na vosa misión, no que vin, escoitei e sentín nistes días que vivín e convivín con vosco, ao conxuro dos vosos trafegos patrióticos, das vosas verbas, limpas e claras (...) alumeados por unha adolescencia segrel, dada enteira a unha causa inmorrente: A libertade da nosa Patria Galega". Unha nota do noso colaborador Xosé Martinez-Romero Gandos.
Cúmprense o 22 de agosto cincuenta anos, xa, desde a creación das Mocedades Galeguistas de Bos Aires. Neses escuros anos da posguerra decaera a actividade da Federación de Mocedades Galeguistas na Terra. Mais o seu ideario e actuación estaban ben presentes no maxín de moitos galegos emigrados que transmitiran ese sentir patriótico ós seus fillos. Xuntos, os galegos emigrados e os nados na emigración, fundaron as Mocedades Galeguistas co obxectivo de congregar a aqueles que desexaban contribuír ó espallamento da nosa identidade cultural e política. Este fato de mozas e mozos galegos entre os que figuraban Xosé Neira Vilas, Carlos Abraira Cela, Antón Santamarina Delgado, Denis Conles Tizado, Pilar Jeremías Cela, Antón Moreda, Manuel Cordeiro e outros desexaban formar "unha xenuína concenza de galego, no estudo e no cultivo dos valores de toda índole que posee isa nacionalidade de tanta, e as vegadas esquecida, siñificación na historia dos povos oicidentais". A proposta da creación deste organismo galeguista xurde dun mozo estradense, Vidal Pérez Graña, quen convocara xunto a Moreda e Santamarina a xuntanza destas mozas e mozos. O seu órgano de difusión "Adiante" saíu do prelo coas dificultades propias do momento mais co entusiasmo e colaboración de tódalas colectividade galega emigrada. Ós dous anos de participación política nesa colectividade emigrante as Mocedades contabilizaban 59 "irmandiños" rexistrados nas actas.
Todos eles, sen reparos, obrigábanse a coñecer e dar a coñecer os elementos que constitúen Galiza como nacionalidade: idioma, historia, xeografía, economía, tradición e cultura. Os homes que guiaban a estes mozos no tocante ó ideario político foron Bieito Cupeiro e Manuel Pedreira.
Das súas actividades patrióticas salientan as conferencias, homenaxes, publicación de libros e actos presididos pola bandeira galega e de afervoada presencia dos emigrantes. Aínda non foi debidamente estudiada a renovación que estes mozos fixeron de Galeuzca (Galiza, Euzkadi, Catalunya), organizando actos conxuntos cos mozos de Catalunya e Euzkadi.
Hoxe, Antón Santamarina e Pilar Jeremías Cela moran na Coruña. Manuel Cordeiro sigue cos seus labores na colectividade galega de Bos Aires, Denis Conles Tizado desenvolve a súa actividade na provincia de Córdoba, Arxentina. Xosé Neira Vilas na súa casa-Fundación de Gres en Pontevedra. Antón Moreda na Provincia de Lugo. Carlos Abraira Cela en Estados Unidos de Norte América. Aínda que a distribución xeográfica dos seus domicilios abrangue dous continentes eles continúan co ideario galeguista que lles dera sentido e lles marcara o rumbo das súas actividades políticas.
As Mocedades galeguistas cumpriron unha xeira curta mais moi productiva. Deron lugar a creación de A.G.U.E.A, Asociación galega de universitarios, escritores e artistas, e máis tarde da Asociación Arxentina de Fillos de Galegos.
Na última Feira do Libro Galego da Coruña, neste agosto do 2003, Xosé Neira Vilas e Pilar Jeremías Cela lembraron este acontecemento e propuxeron organizar durante o que resta do ano un acto para xuntar a tódolos que participaron daquelas actividades patrióticas. Uns anos antes, Isaac Diaz Pardo propuxera que o lema desta xuntanza fora "Por cen anos máis de Mocedades Galeguistas". Queda feito o pedido para que as organizacións políticas collan a proposta.
Unha nota de Xosé Martinez-Romero.