Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONCENTRACIÓN na EMBAIXADA estadounidense

Cinco anos sen Xosé Couso, e aínda sen xustiza

A familia do cámara asasinado polo exército estadounidense manifesta o seu malestar coa actuación do goberno de Zapatero.

Redacción - 17:24 08/04/2008

Cúmprense hoxe cinco anos dende aquel 8 de abril de 2003 en que un proxectil do exército norteamericano impactou contra o Hotel Palestina de Bagdad, onde traballaban un gran número de xornalistas. O ataque acabou coa vida do galego Xosé Couso, cámara de Telecinco, do xordano Tareq Ayoub, correspondente de Al-Jazeera, e do ucraíno Taras Protsyuk, cámara de Reuters. Dende o comezo da invasión estadounidense morreron máis de trescentos xornalistas en Iraq, a a meirande matanza de periodistas na historia.

A familia de Couso
conmemorará o quinto cabodano cun conxunto de actos que queren lembrar, principalmente, que os responsábeis da morte do xornalista aínda non foron xulgados. Ás doce do mediodía deste martes o consistorio de Madrid colocou unha placa dedicada a Couso, na casa na que viviu (rúa Ponzano 64); e en Bagdad rendíuselle unha homenaxe no mesmo Hotel Palestina, coa presenza dunha delegación da familia do ferrolán.

O acto central da xornada terá lugar ás 20.00 horas cunha concentración diante da embaixada norteamericana en Madrid; intervirán Maribel Permuy (nai de Couso), Belen Gopegui e Inma Chacón, e haberá actuacións musicais a cargo de Ismael Serrano, Luis Pastor e Samba Da Rua.

Críticas ao goberno
A familia de Xosé Couso segue a esixirlle ao goberno norteamericano que esclareza os feitos, que colabores coa xustiza española e que cumpra a legalidade internacional e os Convenios de Xenebra. Pero as súas críticas tamén se dirixen ao goberno español. Non entende como despois de que o PSOE lles amosase todo o seu apoio cando estaban na oposición, agora se dedique a "entorpecer o proceso". Denuncian en especial a actitude do Fiscal Xeral Cándido Conde-Pumpido, despois de que argumentase que o ataque contra o hotel Palestina non era un delicto perseguíbel.

O xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz ordeou a busca e captura internacional dos militares estadounidenses responsábeis, considerando probado que o obxectivo do ataque era "aterrorizar os xornalistas", algo confirmado polo feito de que ese mesmo día dirixíronse ataques ás cadeas televisivas Al Yazira e Abu Dhab. Porén, a Fiscalía Xeral do Estado tentou arquivar o proceso. De igual xeito o Ministerio do Interior tense negado repetidamente a cursar as ordes internacionais de detención cursadas polo xuíz Pedraz.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: