M. del Río - 14:40 08/04/2008
O Presidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios, Xosé Uxío Rei, explica que seguirán aparecendo casos da enfermidade das vacas tolas en humanos até dentro duns anos, pois a doenza ten un período de incubación moi longo e as medidas para prohibir a súa extensión mediante o consumo de materiais de risco non se tomaron até o ano 2001.
Como é a situación actual do chamado 'mal das vacas tolas', despois de que se coñecese a morte de dúas persoas pola enfermidade?
A situación é agora igual ca antes de que se producisen esas mortes. Hai dous aspectos sanitarios completamente distintos: dende o punto de vista da saúde humana e dende o punto de vista da sanidade animal. Como é lóxico, nunha enfermidade que ten un período de incubación de aproximadamente dez anos, se até o 2001 se estivo alimentando dun xeito determinado un número de animais, é normal que vaian aparecendo máis casos, aquí e en todo o mundo. Non nos pode alarmar unha cousa coñecida: vai suceder iso, porque só pasaron sete anos. Non podemos evitalo porque non sabemos onde puideron consumir materiais de risco certas persoas. Iso é imposíbel. E tamén, como os síntomas son de apreciación lenta, tampouco a Neuroloxía pode facer moito a favor desta xente.
Dende o punto de vista sanitario, dicimos que é esencial o control dos produtos alimenticios, que non baixemos nunca a garda. Estamos demandando constantemente o controis dos alimentos dende a granxa até a mesa, que é unha medida práctica e obrigatoria, non só polos problemas de animais vacúns que toman fariñas que non tiñan que ter saído ao mercado da alimentación animal. Hai que estar vixilantes, por iso insistimos en que hai que crear unha axencia de seguridade agroalimentaria. É un traballo global, que ten que implicar toda a profesión e todos os profesionais dedicados ao control alimentario e de sanidade animal. Non se pode dividir en campos illados e hai que tomar conciencia.
Entón, cando deixarán de aparecer este tipo de casos?Pensando que as nosas medidas se cumpriron e se aceptaron e se seguen cumprindo, non volve haber transmisión de materiais infectados, porque están perfectamente controlados, supoñemos que arredor de 2012 terán que ter desaparecido todos os casos, pero é moi difícil sabelo, porque en medicina humana estas enfermidades está determinado que sexan dun longo período de incubación.
E seguiranse a dar casos no gando?
Pódense observar eses datos nas páxinas web, como na de Agricultura ou no centro de información de encefalopatías. Pódese ver como van xurdindo e se van diagnosticando casos. O lóxico é que tras un período de latencia, que tamén existe nas especies animais, ao cortar como se producía a contaminación dos animais, vaian diminuíndo os casos que aparecen, pero hai un pico, que está entre os 6 e os 10 anos aproximadamente.
De que xeito puideron contraer o mal as persoas afectadas?A transmisión prodúcese por materiais de risco, que nestes momentos se van eliminando constantemente. É imposíbel que este material chegue ao mercado, sempre que sexa mediante as canles habituais de comercialización, porque se fan controis. Antes de 2001 eran polo consumo deses materiais de risco, que se poden consultar nas webs de Agricultura e de Medio Rural, que son medula, medula ósea, miolos, de gando vacún e ovino, fundamentalmente.