O director do Centro nacional de referencia para a encefalopatía esponxiforme bovina, Juan José Badiola, afirmou que non se desbota a posibilidade de que aparezan casos de transmisión da enfermidade en humanos, xa que ten un periodo de incubación dunha década e non se prognostica a súa erradicación ata 2011. En Galicia, confirmáronse seis casos do mal das vacas tolas dende o comezo de ano.
"Da transmisión da enfermidade a humanos afortunadamente aínda non se detectou ningún caso en España pero, de todas formas, non se descarta que poida habelo", sinalou Badiola. No Reino Unido descubriuse a primeira vaca infectada en 1986 e, a partir de 1996, empezaron a aparecer casos desta doenza que afectou a 150 persoas. Houbo seis vítimas en Francia e un afectado en Irlanda.
Dende o ano 2000 rexistráronse 190 casos do mal das vacas tolas en Galicia. A curva epidemiolóxica, explicou Badiola, traza unha liña ascendente, que ao principio descende rapidamente, logo segue baixando, pero nun momento posterior estabilízase e describe unha curva plana, cando os casos se van reducindo, o que se denomina 'cola epidemiolóxica'.
Os sindicatos agrarios estiman que os controis son moi beneficiosos para o sector, pero critican que o seu custe recaia sobre os propios gandeiros. En 2004 fixéronse 170.000 análises en Galicia e no que vai de ano producíronse 23.590.