O profesor Moncho Iglesias cóntanos dende Cisxordania como se está a vivir alí a maior ofensiva militar israelí dos últimos anos.
A sanguinolenta xornada do sábado en Gaza deu paso a unha mañá de domingo chea de manifestacións en toda Cisxordania. En todas elas se protestaba en contra da masacre en Gaza, que continúa, e que esta mañá provocaba a destrución do edificio de Ismael Hanieh, primeiro ministro de Hamás.
“Israel traspasou o límite”, declararon membros do grupo islámico, que prometen vingar a morte dos preto de cen palestinos mortos dende o comezo da “Operación inverno quente”. Amais, o presidente Mahmoud Abbas decidiu conxelar as negociacións de paz con Israel durante varios días, e declarar este domingo unha xornada del oito en todos os territorios. Con todo, tanto Abbas como o primeiro ministro israelí, Ehud Olmert, pensan continuar cos acordos de paz de Anápolis, que cren poderá proseguir nuns días, en canto acougue a situación.
Malia as palabras tranquilizadoras dos dirixentes, a poboación civil tomou as rúas de todas as cidades palestinas de Cisxordania e lanzou berros e pedras contra os ataques israelís. En Hebrón, no sur, un neno de 13 anos morría esta mañá durante o intercambio de balas e pedras, mentres máis de 45 eran levados aos hospitais da zona, feridos ou intoxicados pola inhalación de gases.
En Xerusalén Este, varios manifestantes lanzaron pedras e cócteles molotov contra soldados do exército israelí, e en Ramallah, milleiros de escolares camiñaron cara a casa de Abbas, queimando rodas de coche e tirando pedras polo camiño, berrando que Gaza non se vende.
No centro de Belén, unha manifestación pacífica, que reunía a máis de dúas mil persoas, acabou dividida en dous flancos ao achegarse ao punto fronteirizo con Xerusalén. Alí, a policía palestina disuadiu aos participantes de continuar a marcha cara á entrada, pero moitos dos convocados, cargados con pedras, guindaron a súa ira contra o muro de separación. A resposta a esas pedras, a maioría lanzadas por nenos do campo de refuxiados de A’ida, a carón do muro, foi o lanzamento de gases lacrimóxenos e disparos que feriron a catro rapaces.
Mentres, a violencia continúa en Gaza. As cifras son dez mortos no Norte de Gaza e máis de 25 foguetes lanzados contra as cidades israelís de Sderot e Axkelón, que feriron a catro persoas. Ataques que, segundo Olmert, non pararán ao estado de Israel na súa intención de defenderse: “Se alguén cre que lanzando máis foguetes conseguirán reducir os ataques contra os grupos terroristas, está cometendo un grave erro”.
Israel confirmou que está preparada para a incursión terrestre en Gaza nos próximos días. As críticas dentro da poboación hebrea apuntan que esa posible operación incrementará o impacto negativo para a súa poboación. Os habitantes de Gaza confirmaron o seu apoio a Hamás e ás súas actividades, e incluso membros de Fatah declararon que “toda Gaza é Hamás e que loitarán contra Israel. “Se o exército se interna na Franxa, debe saber que lle esperan tiros dende todas as casas, incluso se hai xente dentro”. Amais, apuntaron que buscan vinganza, ben co lanzamento de foguetes ou por medio de atentados suicidas dende Cisxordania. Unha postura que volve facer pensar no comezo dunha Terceira Intifada.
*Unha crónica para Vieiros de Moncho Iglesias