Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AL-KHADER

Medran as manifestacións pacíficas en Palestina

Moncho Iglesias conta dende Belén a tensión que se está a vivir en Palestina entre as persoas concentradas e o exército israelí.

Moncho Iglesias - 10:20 25/02/2008

As manifestacións pacíficas ao longo de Cisxordania crecen, e con elas as intervencións militares. As protestas de Bil’in, preto de Ramallah, son as máis famosas, pero outras aldeas, atrapadas entre o muro de seguridade israelí, véñense sumando a estas actuacións. Esta semana, entre Bil’in e Al-Khader, ao sur de Belén, preto de cen persoas resultaron feridas debido á inhalación de gases ou aos golpes recibidos.

Cada venres achéganse centos de manifestantes palestinos, israelís e internacionais ata a aldea de Bil’in. Un dos seus organizadores, o activista israelí Ionathan Pollack, comenta que este venres había máis de dúas mil persoas manifestándose, douscentos israelís entre eles. Con todo, non puideron expresar as súas ideas, contrarias a un goberno que non respecta as sentencias ditadas polo Xulgado de Xustiza. E é que hai medio ano que este Xulgado aceptou as peticións dos habitantes de Bil’in e ordenou o derrube da barreira de seguridade construída na zona. Aínda así, a aldea segue rodeada e as manifestacións semanais reprimidas.

Este venres, en canto chegaron os manifestantes, as forzas do exército israelí comezaron a lanzar pelotas de goma e gases lacrimóxenos para dispersar os convocados. As pedras dun lado e as bólas do outro acabaron cun soldado ferido e vinte manifestantes hospitalizados –ningún, segundo fontes do exército, posto que non teñen constancia diso-. Entre os feridos había un americano e o parlamentario palestino Mustafa Barghouti.

Dende as últimas semanas, a aldea de Al-Khader, no sur de Belén, vénse convertendo noutro centro de protestas en contra da construción do muro. O amurallamento desta zona provocou a falta de gasolina, durante toda a semana, na área de Belén; amais do aumento na ocupación hospitalaria, onde ingresaron ao redor de setenta persoas, dezaoito deles mulleres e nenos.

As protestas pacíficas comezan despois do rezo do mediodía, no medio da rúa. Fronte aos oradores manifestantes, vixían os soldados israelís que, como apunta un dos organizadores das convocatorias, Samar Iaber, «non necesitan ningunha escusa para comezar a disparar». Así foi unha semana máis; aos feridos das semanas pasadas houbo que engadir un elevado número este venres. Os disparos chegaron a oírse a varios quilómetros de distancia e o gas conseguiu a penetrar no centro da aldea. Amais, un médico e dous enfermeiros, que acudiron á zona para evacuar os feridos, recibiron golpes mentres facían un labor humanitario.

Unha semana máis rematou en Cisxordania con varias detencións e conmemoracións, como estas de Bil’in e Al-Khader, que serviron para lembrar o nacemento da Fronte Democrática Popular para a Liberación de Palestina. Así mesmo, Bil’in celebraba o terceiro aniversario do nacemento dunhas protestas que, dende o ano 2002 acabaron coa vida de once persoas e deron con milleiros de feridos.


5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: