En xuño, o presidente Abbás proclamou un novo Goberno de urxencia con sé en Cisxordania despois de que Hamás tomase o poder en Gaza. Unha ruptura que se agravou coas axudas selectivas da comunidade internacional.
O pasado 14 de xuño as forzas de Hamás entraban nas oficinas do presidente palestino e dirixente de Fatah, Mahmud Abbas, en Gaza e escenificaban a toma do poder na Franxa. Inmediatamente, Abás proclamaba un novo Goberno de urxencia con sé en Ramallah (Cisjordania) que excluía a calquera membro de Hamás.
O detonante do enfrontamento foi a inesperada (por ambas formacións) vitoria de Hamás nas eleccións de xaneiro de 2006 que, por primeira vez desde a creación da Autoridade Nacional Palestina (ANP) en 1993, desbancaba á histórica formación Fatah, liderada por Yasser Arafat ata a súa morte en 2004.
Con todo, o resultado das eleccións significou a plasmación dunhas desavinzas que se remontan máis aló no tempo e que, dadas as circunstancias, vertebráronse principalmente, pero non exclusivamente, en torno ás relacións con Israel.
Hamás o Movemento de Resistencia Islámico, nacido durante o estoupido da 1ª Intifada nos campos de refuxiados de Gaza (1987), constituíu unha alternativa confesional ao nacionalismo laico de Fatah e priorizou o seu carácter asistencial á poboación máis necesitada. Hamás pronto se opuxo ao proceso de paz impulsado nos anos noventa cos acordos de Oslo (co respaldo da OLP de Arafat) por supor unha partición da Palestina histórica, de forma que boicoteou as primeiras eleccións palestinas en 1996 e multiplicou os ataques armados contra Israel.
Naqueles anos, as forzas controladas por Fatah levaron a cabo unha represión implacábel contra Hamás que, de feito, gozaba do beneplácito de Israel por servir de arma arreboladiza contra o inimigo Arafat. Case 20 anos despois da súa creación, a vitoria de Hamás en 2006 supuxo a cristalización do descontento da poboación cara a Fatah pola súa apropiación do poder e a corrupción xeneralizada e, sobre todo, polo fracaso do proceso de paz percibido por moitos palestinos como unha claudicación fronte a Israel sen ningunha compensación.
Unha valoración da situación actual non pode deixar de ter en conta algúns elementos. En primeiro lugar, as dificultades extremas dunha poboación sometida á ocupación e ao illamento internacional. Isto é especialmente relevante en Gaza, onde Hamás se fixo forte e foi historicamente predominante: malia a retirada israelí no verán de 2005, os continuos ataques do exército e a asfixia económica deixaron os seus 1,5 millóns de habitantes nunha situación insostíbel.
En segundo lugar, o boicot á nova formación proveniente de tres frontes: de Fatah (co obxectivo de recuperar o control político e dos corpos de seguridade); de Israel (capturando centos de parlamentarios integrantes de Hamás); e do exterior (negando calquera negociación cos seus dirixentes e ofrecendo unha axuda condicionada), e non só dos EUA e a UE, senón tamén de países árabes temerosos dun posíbel auxe da oposición islamista nos seus propios territorios.
As axudas selectivas, incluídas as militares, da comunidade internacional á ANP controlada por Abbas inflamaron indefectiblemente a fractura palestina. A vaga de secuestros, asasinatos e vinganzas mutuas protagonizada por actores palestinos puxo máis sementes para unha nova violencia que beneficia pouco a calquera das dúas partes, e menos á poboación palestina no seu conxunto.
Algúns responsábeis palestinos levan tempo proclamando o absurdo dunha contenda intrapalestina dada a converxencia nun único pero fundamental obxectivo: conseguir a fin da ocupación israelí. Unha Palestina dividida entre un territorio como o de Gaza, por unha banda, e Cisxordania por outra, é dificilmente viábel ou sostíbel.
Por iso, os dirixentes palestinos deberán chegar a acordos pronto, sendo conscientes de que a estratexia de illamento cara a Hamás mantida até agora non obtivo resultados positivos e corre o risco de reforzar o sector máis radical da formación islamista. Neste posíbel e necesario escenario de diálogo será esencial un posicionamiento máis coherente que o mantido até o de agora tanto polas instancias internacionais coma por Israel, que á fin e ao cabo pode tamén saír moi prexudicado da situación.
(*) A Escola de Cultura de Paz é un centro de investigación sobre cultura de paz, dereitos humanos e análises de conflitos, adscrito á Universidade Autónoma de Barcelona.