Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O 58,6% DO SOLDO PARA A HIPOTECA

A xente nova precisa o dobre do seu salario para poder pagar a vivenda

A mocidade galega segue a ser a que máis tarde marcha da casa do Estado, e cada vez máis.

Redacción - 12:21 11/01/2008

A xente nova do país é a que máis tarde marcha da casa de todo o Estado, e a idade de emancipación segue a aumentar. Boa parte da culpa tena o feito de que se precisa, de media, o 58,6% do salario para facerlle fronte á compra dunha vivenda libre. Ademais, cada vez é precisa máis porcentaxe do soldo: un 13,56% máis ca no ano anterior.

Segundo os datos do "Observatorio Joven de Vivenda de España" (OBJOVI) correspondentes ao segundo semestre de 2007, o 33,8% dos galegos menores de 35 anos aínda non se puideron emancipar. Amais disto, Galiza é unha das tres comunidades autónomas do Estado onde a situación empeorou con respecto ao exercicio anterior, un 3,89 por cento.

O mercado da vivenda é cada vez menos accesíbel para a mocidade. Así, o nivel de endebedamento para facer fronte a unha hipoteca practicamente duplica o nivel recomendado do 30% do salario. De promedio, unha persoa nova tería que cobrar un 95,3% máis do que recibe anualmente para poder facer fronte á compra dunha vivenda cunha porcentaxe de endebedamento tolerábel. Actualmente, o salario medio anual é de 13.823,13 euros. Con este diñeiro, só se podería afrontar a compra dunha vivenda de 51,2 metros cadrados construídos.

O único dato positivo que se pode tirar do estudo do OBJOVI é o feito de que a xente nova do país ten unhas taxas de desemprego inferiores á media, un 9,2% para os homes e un 11,7% para as mulleres, segundo a Enquisa de Poboación Activa. O sector que achega máis empregabilidade é o dos servizos. Porén, só o 48,2% da mocidade conta cun contrato indefinido.

Por provincias, son as situadas no Atlántico as áreas onde a mocidade ten máis dificultades para acceder a unha vivenda cun endebedamento asumíbel. En Pontevedra sería preciso un salario un 116,43% superior ao medio e na Coruña un 87,42%. No outro extremo están Lugo e Ourense, cun 55,79% e un 58,67%, respectivamente.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: