Os dirixentes da asociación falan da norma sen papas na boca. Din, entre outras cousas, que obedece a "presións e intereses económicos moi fortes".
A Lei de Ordenación da Minaría arrincou este martes na Cámara o seu trámite parlamentario logo da súa aprobación polo Consello de Goberno o pasado mes de xuño.
Moitas son as voces críticas (ADEGA e o SLG presentaron as súas propostas aos tres grupos para modificar varios aspectos da norma, que consideran "mellorábel mais necesaria"); mais algunhas outras son moito máis contundentes: tal é o caso de SOS-Courel, membro da rede Galiza non se vende, que a considera totalmente "innecesaria", e feita para "facilitar a instalación de máis explotacións".
Neste mesmo senso maniféstase Xan Duro, coordinador xeral de Verdegaia, quen afirma que estaría ben feita de "regulamentar o que está sen regulamentar", mais non, "legalizando todo este tipo de explotacións instaladas na Rede Natura e noutros terreos protexidos, que incumpren a lexislación ambiental e urbanística".
"Galiza, paraíso mineiro"
"Imos ser unha superpotencia mineira, que non económica, coma os países pobres de África", afirma Orlando Gregorio Álvarez, vicepresidente de SOS-Courel, quen considera que namentres os países máis desenvolvidos renuncian a este tipo de explotacións, "a Xunta busca que Galiza sexa un paraíso mineiro".
Respecto a se consideran que a futura Lei da Minaría é unha norma necesaria, o presidente da asociación, Xosé Ramón Rodríguez, afirma que non: "O que fai falta é que se cumpran as que xa hai, cousa que non pasa; xa existe un ordenamento xurídico, pero non se cumpre".
Presións do sector mineiro ao Goberno
"Se fósemos un país desenvolvido apreciaríamos o valor educativo e científico -xa non só ambiental- que ten un lugar coma o Courel, e non se permitirían canteiras como La Campa", afirma Orlando Álvarez.
Segundo este, detrás da aprobación da lei por parte do Consello da Xunta, existiron "presións e intereses económicos moi fortes". O vicepresidente de SOS-Courel afirma que unha semana antes da reunión dos conselleiros, os empresarios do sector reuníronse con altos cargos do Goberno para exixirlles unha solución á súa situación de alegalidade.
"Hai que ter en conta que Caixa Galicia, por exemplo, é propietaria do 20% da empresa (Cupire-Padesa) que explota a canteira La Campa", di. Actualmente, SOS-Courel mantén varios procesos xudiciais contra a mina.
A Consellaría de Industria fala dun novo procedemento
Pola súa banda, o departamento de Innovación e Industria defende que a Lei de Minas permitirá "introducir un novo procedemento para a legalización das explotacións -en situación alegal dende a arpobación da Lei do Solo de 2002- e que axilice os expedientes pendentes", "moi elevado", segundo afirman fontes da consellaría.
En calquera caso, aseguran que "as canteiras que non cumpran con este novo criterio ambiental e urbanístico non serán legalizadas e terán que pechar".