O SLG e ADEGA organizan unhas xornadas coa presenza de expertos na materia para chegar a conclusións sobre o texto e que sexan tidas en conta no trámite parlamentario.
"Poñer os recursos mineiros ao servizo de Galiza pechando aquí todo o seu ciclo produtivo; que sexa unha actividade ambiental e socialmente sustentábel, compatíbel co resto da actividade económica e coa protección do patrimonio natural; e rematar cos abusos da lei que a minaría veu practicando nos últimos anos".
Estes son os obxectivos aos que, segundo o Sindicato Labrego (SLG) e ADEGA, respondía o primeiro borrador da Lei da Minaría, redactado por unha equipo da universidade. Porén, despois das modificacións introducidas pola Lei do Solo e outras cuestións, o texto que chega ao Parlamento -en tramitación- fica distorsionado.
Coas xornadas que o SLG e ADEGA organizan para este venres e sábado en Vilalba (A Terra Cha) pretenden chegar a unhas mínimas conclusións sobre o texto para facérllelas chegar aos grupos parlamentarios e que poidan ser tidas en conta no trámite de debate en Comisión.
Para isto contarán coa presenza de diversos expertos, que exporán os seus coñecementos e as súas experiencias e vivencias ao respecto en diferentes mesas redondas de debate e relatorios. Para máis información, poden acceder ao Canal Verde.