A Xunta, "a solicitude dos concellos afectados, poderá declarar como concellos mineiros aqueles onde exista ou existise unha dependencia da minaría".
O anteproxecto da Lei de Ordenación da Minaría presentado en 2006 pola Consellaría de Innovación e Industria foi aprobado este xoves polo Consello de Goberno. O documento, que tras recibir os informes dos distintos departamentos da Xunta e conseguir o respaldo das empresas do sector non sufriu ningunha modificación, será remitido agora ao Parlamento para o seu debate.
Xa que logo, mantense o artigo 46 da lei, onde se estabelece que o Goberno, "a solicitude dos concellos afectados, poderá declarar como concellos mineiros aqueles nos que exista ou existise unha dependencia da minaría para a súa economía".
Este punto fora criticado con dureza e denunciado publicamente polas asociacións ecoloxistas e organización veciñais en defensa do Courel -concretamente do Concello de Folgoso- dende que o anteproxecto viu a luz. Segundo declarara SOS-Courel, "por presunto interese social, a minaría terá prioridade sobre o Parque Natural neste municipio, e poderase ir recortando na medida das necesidades".
Primeira lei galega de minas
Segundo fontes da Consellaría de Industria, a Lei da Minaría regulamentará por primeira vez o sector no país; modernizará e simplificará a intervención administrativa; desenvolverá a planificación mineira no marco da ordenación da economía e do territorio; incorporará tecnoloxía orientada á sustentabilidade; e permitirá a participación na política mineira dos sectores sociais e económicos implicados.
É a primeira vez que a Administración galega exerce a súa competencia en materia de minaría cunha lei propia, cando até o de agora se está a facer unha mera aplicación da norma do Estado (a Lei de minas do ano 1973). Así mesmo, créase o Rexistro mineiro de Galiza, que será público e no que se inscribirán todos os dereitos mineiros autorizados ou concedidos no territorio galego.
Ademais, o proxecto propón a creación do Consello da Minaría, un órgano colexiado de participación, consulta e asesoramento onde estarán representados os concellos mineiros, as organizacións sindicais, agrarias e empresariais representativas do sector, as asociacións de defensa da natureza, as comunidades de montes en man común e a cámara mineira.