Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Medida aprobada este xoves

Israel 'castiga' Gaza con cortes no subministro da luz e do combustíbel

En resposta ao lanzamento de proxectís dende o territorio palestino, declarado "territorio hostil" en setembro polo goberno israelí. Este venres reúnense Olmert e Abbas.

Redacción - 11:55 26/10/2007
Este venres reúnense de novo Olmert e Abbas

Este venres reúnense de novo Olmert e Abbas

O ministro israelí de Defensa, Ehud Barak, aprobou este xoves un plan para realizar cortes temporais no subministro de electricidade á Franxa de Gaza, como 'castigo' polo lanzamento de foguetes dende o territorio palestino contra Israel, informaron fontes oficiais.

En setembro, o goberno israelí declarou Gaza como "territorio hostil", co que abría a porta á posibilidade de impor sancións. Esta decisión produciuse como consecuencia da toma de poder de Hamás en xuño e o lanzamento de foguetes contra localidades do sur de Israel.

A aprobación do plan por parte de Barak era o último paso necesario para que as sancións fosen efectivas. Israel cortará o subministro de electricidade por períodos de quince minutos, tempo que irá aumentando por cada novo ataque. No entanto, aínda non se coñece cando planea Israel iniciar os cortes.

Israel abastece á Gaza con máis da metade da electricidade que consume. Membros da comunidade internacional, entre estes o secretario xeral da ONU, Ban Ki Moon, condenaron este plan ao consideralo un castigo indiscriminado inxusto.

Xuntanza Olmert-Abbas
Por outra banda, o primeiro ministro israelí, Ehud Olmert, e o presidente da Autoridade Nacional Palestina, Mahmud Abbas, reúnense de novo este venres para continuar preparando o cumio internacional de paz, que se terá lugar na cidade estadounidense de Annapolis (Maryland) en novembro ou decembro.

Altos responsábeis do goberno israelí sinalaron que Olmert e Abbas queren dar comezo e afondar no traballo que desempeñarán os equipos negociadores durante o encontro en EUA, segundo informa o diario Haaretz. Con todo, en declaracións este xoves, Olmert reduciu as esperanzas de cara á conferencia, xa que afirmou que non se vai chega a ningún acordo definitivo.


2,6/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: