Integrante da asociación A outra Cerceda, este verán saltou á fama por querer denunciar a contaminación que sofren por culpa da central, e acabar ela mesma denunciada.
Vive a 300 metros dun dos focos máis contaminantes do país, na aldea da Lousa, parroquia das Encrobas (Cerceda). É unha muller loitadora, integrante dunha asociación loitadora a súa vez tamén. A outra Cerceda leva anos denunciando a situación na que viven cada día os veciños da bisbarra: con ruídos, baixo unha chuvia de po de carbón e coa súa saúde exposta a substancias químicas nocivas.
O pasado 1 de xuño María Pardo Barbeito foi deica o cuartel da Garda Civil de Ordes para presentar unha denuncia contra Unión Fenosa, porque as emisións da central térmica estaban a estragar a súa horta, a súa casa e, o que é máis importante, a súa saúde. Porén foi ela quen rematou denunciada e acusada dunha "falta de respecto á autoridade". O fiscal pedíalle 360 euros de multa, mais a Xustiza absolveuna.
Esta fin de semana, con motivo das Xornadas sobre a Lei da Minaría que organizan o Sindicato Labrego e ADEGA en Vilalba, foi convidada a contar a súa experiencia como habitante e labrega da Lousa e como unha das máis activas integrantes do movemento de resistencia civil das Encrobas ao monstro de Meirama.
Vieiros: Como é a vida na Lousa?
María Pardo: Pois a vida é moi diferente a calquera outro sitio. É unha lea continua co burato da mina e coa central. A igrexa queda por tras do burato e os accesos están todos furados. Vivimos sempre con ruído e sempre hai po. Agora sóubose que a cheminea da central tira case case veleno puro. Levamos 35 anos sufrindo isto, eu daquelas xa ía á escola alá no val ... que agora non é val.
Son vostedes optimistas de cara a que haxa unha solución a este problema?
Moi optimistas non somos, porque estas industrias que son as que levan os beneficios, están no plan de sacrificar; de sacrificarnos a nós. "Son industrias que fan falta e alguén se ten que sacrificar", din. Pero os que leven o beneficio supoño que algún coidado con nós deberían ter. Porque todos temos dereito a vida, até os cans do cura teñen dereito a vida como se soe dicir. Unha que non é agradábel vivir así, e outra que non saudábel.
Están organizados nunha asociación, non si?
Estamos. A outra Cerceda chámase, porque o que se está a vender por aí diante, e quérennos vender a nós tamén, é unha Cerceda marabillosa, cun parque acuático que é marabilloso ... e a verdade é que Cerceda está chea de merda e ten moitos problemas.
Reciben moitos apoios doutros grupos?
Recibimos. O Sindicato Labrego Galego está a facer o que pode, os do BNG están facendo o que poden ... Menos as institucións ...! Todo o mundo toca a pelota para outro lado. Din: "Isto non é da miña competencia, isto non é da miña competencia", e ninguén fai nada.
Este verán seica tivo problemas coa Garda Civil ...
Non sei por que, nin por que non ... A verdade foi moi raro. Fun poñer unha denuncia pero o garda civil só me quería anotar que o po estragaba a leitugas non a casa e a miña saúde. Foi moi raro. Pareceume que estaba nos tempos de Franco!
Mais todo rematou ben e a xente apoiouna, non si?
Grazas a Deus, si. A xente da aldea veu comigo; as rapazas do BNG e as rapazas do SLG tamén ... Sentinme moi ben con tanto apoio.
Porque o pasou mal?
Paseino mal mal, moi mal. Non sabía que se podía pasar tan mal.
Durante o xuízo houbo tamén algún problema co idioma. Seica o garda civil non entendía o galego e habíallo que traducir, non si?
Dicía el, pero eu cando fun poñer a denuncia faleille igual ca cho fago a ti eu agora, neste gallego que eu falo, e entendeuno perfectamente. E no xuízo ao principio traducíanllo pero ao final xa contestaba el antes de que rematasen de traducir.