Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LOGO DE ANOS DE DENUNCIAS

Anuncian accións penais contra Fenosa por contaminar terras en Cerceda

As primeiras análises confirman que as partículas que desprenden as chimineas da central térmica son tóxicas.

R.Vilar - 15:01 17/07/2007

Os veciños do lugar da Lousa, na parroquia cercedense das Encrobas, volven estar en pé de guerra. Esta mesma semana fixeron públicos unhas análises que confirmarían a perigosidade das “folerpas” que desprenden as chimineas da central térmica de Meirama. Segundo un estudo da Xunta, a substancia recollida por veciños e axentes locais de Cerceda e Ordes ten uns niveis de acidez moi superiores aos saudábeis. Juan Castro Rivas, voceiro do colectivo de afectados A outra Cerceda, adiantoulle este martes a Vieiros que van emprender accións legais contra a empresa Unión Fenosa, dona do complexo enerxético.

Os veciños mobilizáronse os días 8 e 9 de marzo logo de comprobar que unha capa de “substancia gris” voltara caer sobre as súas terras. Non era, nin moito menos, a primeira vez, pero nesta ocasión decidiron enviar o pó a un laboratorio. A conclusión é que estaba composto nun 35% por materia orgánica e o resto por cinza. O PH da mostra era estramadamente baixo o que revela unha grande acidez.

A empresa dicíalles que o pó era “bo para as terras”
Os veciños séntense enganados pola empresa. Segundo Castro Rivas, os responsábeis da térmica levan anos asegurándolles que a polémica substancia é sulfato cálcico: “Incluso nos dicían que a longo prazo aínda era bo para as nosas terras porque as fertilizaba”. Dende A outra Cerceda esixen que as administración se impliquen a fondo e que se investigue até que punto pode haber consecuencias sanitarias e ambientais.

Esta emisión de pó agrávase coa parada da central: “Cando paran a actividade solidíficase a substancia no interior das chimineas. Logo, ao arrancar, expúlsana de golpe á atmósfera”, explica Castro, que vive a escasos metros da térmica.

Un perímetro afectado máis grande
A menos de dous quilómetros da central viven aínda numerosas familias que pertencen aos termos de Cerceda, Ordes e Carral. Estes veciños subliñan que ao longo dos últimos 25 anos levan presentando preto dun cento de denuncias que de pouco serviron. Mais as queixas chegan a moito máis lonxe. Veciños de lugares alonxados da térmica teñen acusado á térmica de producir unha “cinza gris” que de cando en vez aparece nas súas hortas. Outros sinalan que dende a entrada en funcionamento do complexo non se dá a froita. Un dos exemplos máis claros é o próximo Val de Barcia, coñecido noutrora polas súas cereixas.


4,91/5 (22 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: