O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, lembra o dato ao tempo que defende a nova Lei Galega de Minaría.
Blanco subliñou durante a súa intervención nunha entrevista na RNE que a situación "alegal" da maioría de explotacións facía urxente a presentación dun marco lexislativo para o sector. O conselleiro explicou que o novo marco xurídico ofrecerá garantías para os amplos recursos de Galiza en lousa, granito, cuarzo e outros.
Fernando Blanco argumentou que se trata dun sector importante "tanto de emprego como actividade económica" que necesita unha normativa para desenvolverse "con claridade" e acorde cos novos tempos, garantindo o respecto ambiental. Adiantou tamén que a Xunta traballa no Proxecto de Seguridade Mineira, que axudará a que o sector se dignifique, sexa respectuoso co medio e "rendíbel en termos económicos e sociais".