Pídenlle ao Bloque "que non culpe nin prexulgue á Garda Civil polo que un axente diga en nome dunha asociación que non ten socios", en alusión á UFGC.
A Asociación Independente da Garda Civil (ASIGC) considera "axustada á Constitución", a petición do BNG para que os cidadáns poidan expresar as súas denuncias en galego e que estas sexan transcritas de ser o caso.
Porén, lembraron que os axentes "necesitan formación en lingua galega" para redactaren correctamente os textos legais. Así, explicaron que a maioría dos gardas civís destinados en Galiza teñen a súa orixe no país, polo que coñecen o galego, mais matizaron que "moitos, pola súa idade, non recibiron formación neste idioma".
Por iso, a través dun comunicado, a ASIGC esixiu este venres que se dote do "investimento orzamentario e do tempo necesario", para a formación dos axentes que "desexen, como acontece noutras comunidades, como Valencia, atender en galego".
Alusións á UFGC
Neste senso, recordaron que este extremo debe acordarse coa Administración de Xustiza galega, xa que son os xuíces e fiscais os últimos destinatarios das denuncias, xunto cos funcionarios que nos seus departamentos traballan".
Así, pediron ao BNG "que non culpe nin prexulgue á Garda Civil polo que un axente diga en nome dunha asociación que non ten socios", en alusión á Unión Federal de Gardas Civís (UFGC), contraria ao uso do galego.
Por último, apuntaron que "ningunha outra comunidade cunha lingua propia está tan participada por axentes da Garda Civil que coñezan e usen a lingua da súa terra".