A Unión Federal de Gardas Civís non só subliña a súa oposición a que os axentes redacten denuncias en galego senón que promoverá "activamente" a desobediencia ao respecto.
Seica a "mobilidade xeográfica" á que están sometidos os membros do corpo de gardas civís é argumento para que os axentes non sexan capaces de dominar a lingua propia do lugar onde exerzan. Así o opinan desde a Unión Federal de Gardas Civís, UFGCS. "Dificilmente se lle pode esixir a todos os axentes que coñezan todas as linguas do Estado", aseguran desde este colectivo.
Por este motivo, acaban de facer públicas belixerantes afirmacións ao respecto da iniciativa parlamentaria promovida no Congreso por Francisco Rodríguez, deputado do BNG, quen lle pedira ao goberno español que as denuncias da Garda Civil fosen redactadas en todas as linguas cooficiais do Estado.
A UFGCS sostén que non está en contra de que calquera cidadán presente a súa denuncia en galego, pero defenden que "non pretenda o BNG impoñerlle o uso da lingua galega aos funcionarios da Garda Civil". Por este motivo, o colectivo "defenderá os axentes no uso do castelán" e ademais participará "activamente" en "campañas de desobediencia" no caso de que se lexisle ao respecto. De paso, opinan que o Bloque teima en "facer da Constitución un texto á carta dos seus intereses partidistas".