Un aspirante asegura que a proba de lingua discrimina a xente do resto do Estado. O Concello nega que fose eliminatoria.
Escudo de Coristanco
Despois da impugnación dunha oposición no Concello de Carballo, polo feito de que a proba de galego fose eliminatoria, agora un caso semellante salta ao veciño municipio de Coristanco. Un aspirante a unha praza de administrativo xeral presentou un recurso contra a oferta de emprego público, correspondente ao ano 2006.
Segundo o reclamante, o feito de que o exame de lingua fose eliminatorio supón unha discriminación para as persoas que procedan doutros lugares do Estado, e suxire que o dominio da lingua debería de ser un mérito e non unha obriga. Tamén se queixa, na carta dirixida ao presidente do tribunal, o alcalde, Antonio Pensado, de que unha das preguntas do segundo exame non se correspondía co temario.
Pero dende o concello negan que a proba de galego fose eliminatoria, e aseguran que as bases da convocatoria cumpren escrupulosamente o artigo 245 da Lei de Administración Local, que no seu punto seis estabelece: “Nos sistemas de selección que se realicen para o acceso ás prazas da Administración local terá que demostrarse o coñecemento da lingua galega”.