O Partido Popular consideraba que o requisito era “discriminatorio” e deixaba fóra moitos candidatos.
Consistorio de Carballo
O xulgado do Contencioso-administrativo número 1 da Coruña decretou a suspensión dun concurso-oposición convocado polo Concello de Carballo para a selección dun asesor urbanístico. O Partido Popular presentara un recurso contra as bases das probas alegando que o feito de que o exercicio de lingua galega fose eliminatorio supoñía discriminación.
Os populares baseáronse nun informe do secretario municipal que deixaba ver unha posíbel “desviación de poder”, ao consideraren que o sistema escollido polo goberno local pretendía discriminar uns candidatos e premiar méritos doutros. Segundo o PP de Carballo, o feito de que a proba de galego fose decisiva deixaba moitos aspirantes fóra.
O alcalde carballés, Evencio Ferrero, lembrou que as bases foran redactadas a proposta do Partido Popular e que o concello xa suspendera as probas antes do auto do xulgado.