O obxectivo das negociacións sería "permitirlle ao pobo saharauí exercer o seu dereito á autodeterminación".
Ban Ki-Moon
A Fronte Polisaria afirmou este domingo en Arxel que está disposta a abrir negociacións directas con Marrocos para achar unha saída política ao conflito do Sáhara Occidental.
O representante do movemento independentista saharauí en Arxel, Mohamed Beissat, puxo como condición que as xuntanzas fosen supervisadas polo secretario xeral das Naciones Unidas, Ban Ki-moon. O obxectivo último sería o de lle permitir ao pobo saharauí exercer o seu dereito á autodeterminación.
Este luns o Consello de Seguridade vai presentar unha declaración en que se recollen unha serie de recomendacións para lle pór fin ao conflito, que probabelmente recollan a información facilitada polo secretario xeral da ONU.
Negociación directa
Hai poucos días, Ban Ki-Moon propúxolle ao Consello unha negociación directa, sen condición previas, entre Marrocos e a Fronte Polisaria, para acadar unha solución "xusta, duradeira e aceptábel por ambas as dúas partes".
Marrocos propuxo un plan de autonomía rexional para o territorio, en tanto que a organización saharauí se centra na organización dun referendo para a autodeterminación do pobo do Sáhara Occidental.