Brahim Sabbar e Ahmed Sbai Brade están acusados ademais de pertenceren a unha asociación ilícita.
O pasado 6 de marzo, un tribunal de El Aaiún (a cidade máis importante do Sáhara Occidental, ocupada por Marrocos) condenou a un ano de prisión a dous activistas defensores dos dereitos humanos do pobo saharauí, segundo denunciou Amnistía Internacional.
Brahim Sabbar e Ahmed Sbai Brade foron detidos por protestaren de "forma violenta" en dúas manifestacións convocadas en 2005 e 2006 contra a política marroquí no Sáhara Occidental. Ademais, se lles acusa de pertenceren a unha organización "non recoñecida", a Asociación Saharauí de Vítimas de Violacións Graves dos Dereitos Humanos Cometidas polo Estado Marroquí.
Presos de conciencia
Amnistía Internacional considera que estes dous homes foros encarcerados "por exerceren o seu dereito pacífico á liberdade de expresión, asociación e reunión". Xa que logo serían presos de conciencia, e a súa posta en liberdade debería ser "inmediata e sen condicións".
Segundo testemuñas presenciais, o xuízo durou menos dunha hora. Houbo unha forte presenza de axentes das forzas de seguridade tanto dentro como fóra da sala, e só uns poucos familiares dos acusados puideron acceder ao xulgado.
Malia admitiren a súa asistencia pacífica a varias manifestacións, Sabbar e Brade, que levan máis de nove meses en prisión, negan ter participado en actos de violencia.
Dereito á autodeterminación
Amnisía calcula que decenas de saharauís son encarcerados por supostas actitudes violentas, e reciben un trato vexatorio e ameazas nos interrogatorios da policía marroquí por reivindicaren o dereito á autodeterminación do seu pobo.
Tamén, por apoiaren á Fronte Polisaria, o autoproclamado goberno do Sáhara Occidental, que dende os campamentos de refuxiados no sudoeste de Alxeria pide un Estado independente e a devolución dos territorios usurpados por Marrocos.