A dirección xeral está a valorar a proposta para que este deporte se comece a practicar nos centros educativos.
Este xoves celebrouse en Vigo a primeira charla coloquio das programadas pola Fundación Ciclismo Galego e a Federación Galega na procura dunha maior promoción para o ciclismo base. Os principais impulsores deste deporte e do seu desenvolvemento tanto profesional como afeccionado en Galiza non quixeron perder a cita.
Deste xeito, o acto serviu para que o director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez, anunciase a construción de pistas formativas de ciclismo así como a introdución dun modo experimental deste deporte en diversos colexios do país. Segundo informan desde o seu departamento, trátase dunha proposta realizada pola Federación Galega que se está a valorar co obxectivo de implantala o próximo curso.
Ao igual que o director xeral, que sinala que a razón de ser do Karpin é a promoción da base, o presidente da federación, Sabino Cortizo, asegurou que o nacemento deste equipo e o protagonismo dos corredores galegos debe levar o noso ciclismo a “vivir outro momento histórico”. Neste sentido, destacou o labor fundamental que os clubs deben xogar neste sentido xa que son os “verdadeiros motores do ciclismo galego”.
Pola súa parte, Valery Karpin, presidente da Fundación Ciclismo Galego, afirmou que está a comprobar a “dureza do ciclismo” e recoñeceu que segue moi de preto as actuacións do equipo que leva o seu nome.
Tampouco perderon a cita dous dos representantes na estrada do conxunto. O director deportivo do equipo, Álvaro Pino, eloxiou o “excelente traballo que están a realizar os técnicos galegos na formación de ciclistas” e subliñou que o Karpin Galicia “está aquí para apoiar a base”.
Mentres, o xefe de filas dos galegos, Marcos Serrano, sinalou a falta de lugares para adestrar como un dos grandes problemas do ciclismo en Galiza. Aos máis novos pediulles constancia e disciplina, porque “isto é como os estudos: ninguén pode estudar por ti” e engadiu que os ciclistas do Karpin Galicia “nos comprometemos gustosamente coa base”.