A xornada deste sábado está a ser moi especial para o Karpin Galicia e o ciclismo galego en xeral. Ademais da marcha cicloturista que se está a desenvolver na Costa da Morte co equipo e afeccionados como protagonistas, o conxunto e a Fundación Ciclismo Galego estrean hoxe as súas páxinas web. Desde este sábado, os sites karpingalicia.org e fciclismogalego.org serán as principais referencias na rede para estar ao tanto das evolucións do primeiro equipo profesional galego así como das actividades da Fundación.
Trátase de dous completos sites que comparten un punto de acceso común. Na web do Karpin Galicia podemos atopar toda a información e actualidade relacionada co equipo, os ciclistas, o cadro técnico ou as competicións. Ademais, a web ofrecerá unha galería multimedia con imaxes e vídeos das probas que o conxunto dispute.
Por outra banda, a web da Fundación Ciclismo Galego nace co obxectivo de achegar a todo o mundo o labor que realiza a institución a favor da promoción do ciclismo en Galiza.