Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NO FARO DE FISTERRA

Urxen pianistas para festexar o Día Europeo da Música

O Taller Atlántico Contemporáneo organiza un orixinal concerto de 18 horas de música ininterrompida ao piano coa interpretación de “Vexations” de Erik Satie.

Redacción - 13:30 14/06/2010
O exterior do Faro de Fisterra será o escenario do concerto. Se chove, trasladarase ao interior.

O exterior do Faro de Fisterra será o escenario do concerto. Se chove, trasladarase ao interior.

O pianista e compositor francés Erik Satie (1866-1925) escribiu a piques de culminar o século XIX a súa obra máis longa e con maior número de repeticións: Vexations. Alén das súas máis coñecidas Gimnopedias, Satie artellou nesta obra unha composición de tan só 90 segundos que se deberán repetir 840 veces. Se ben hai teorías do máis diverso, algunhas voces apuntan que esta peza non é máis que unha “vexación” cara o pianista, unha aldraxe e desprezo contra o músico que, coma un principiante, deberá repetir unha e outra vez a mesma composición, até que acade a suficiente calidade.

Case 120 anos despois de que a idease Erik Satie, esta peza será agora interpretada no Faro de Fisterra. Esta é a iniciativa que propoñen dende o Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) para celebrar o Día Europeo da Música, o mesmo colectivo que se encargou doutra orixinal actuación musical en Compostela: a “Acción fuxidía para 111 ciclistas” de M. Kagel interpretada a golpe de pedal. Segundo nos explica o músico Luís Soto, un dos promotores da iniciativa, o obxectivo é xuntar a 35 pianistas que interpreten a peza de Satie en diferentes quendas dende as seis da mañá até as 12 da noite do próximo domingo.

Música ao piano, de sol a sol
Son 18 horas de música ininterrompida que reproducirán unha e outra vez, até as 840 que pensou o compositor, os 90 segundos das “Vexations”. Até o de agora, a organización foi quen de sumar a uns 15 pianistas, mais é preciso que se apunten outros tantos para poder levar a cabo a iniciativa. Soto subliña que “a peza é moi sinxela”, tanto que mesmo a poden interpretar estudantes de piano sen demasiada traxectoria.

O acto prevé a participación de tres pianistas simultaneamente que, en quendas, serán substituídos por outros tres consecutivamente. O primeiro deberá estar tocando; o segundo deberá agardar en profundo silencio, mediante inmobilidades serias; e un terceiro encargarase de contabilizar o número de repeticións que interpreta o primeiro, até que remate a súa quenda. Así, de xuntaren os 35 pianistas necesarios, cada un tocaría durante aproximadamente unha media hora.

Entre os participantes haberá diferentes categorías: os profesionais; os alumnos das escolas de Cee, Carnota e Carballo, o que lle dá ao acto unha certa dimensión educativa; pianistas doutras músicas como o jazz ou o folk; e diferentes persoeiros coñecidos con algunha destreza fronte ao piano aínda por confirmar. A escolla do Faro de Fisterra non é, tampouco, aleatoria. “Queremos representala alí polo carácter simbólico deste lugar”, explica Luís Soto, “trátase de espallar a música contemporánea, de vangarda, dende Galiza cara o mundo”.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo: Diego García, outro dos promotores da iniciativa, explica en que consistirá o acto

Partitura da peza (clica para ampliar)
Partitura da peza (clica para ampliar)