Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CONCERTO POPULAR

Música contemporánea a golpe de bicicleta

Xa está no youtube a primeira performance musical do Taller Atlántico: Acción fuxidía para 111 ciclistas. Ademais, esta semana iníciase un ciclo de concertos.

Redacción - 11:15 29/03/2010

Con bucinas, timbres, pedaleadas e as propias voces dos ciclistas. Estes catro elementos foron suficientes para interpretar a partitura de “La Eine Brise para 111 ciclistas”, do compositor arxentino Mauricio Kagel en Santiago de Compostela. Agora, para aqueles que non puideron asistir, nin como público, nin como brazos executores da propia interpretación musical, xa está no youtube o ensaio e a acción ou performance promovida polo Taller Atlántico Contemporáneo (TAC).

Nesta ocasión, o percorrido dos 111 ciclistas foi duns 200 metros, os que separaran a Igrexa de San Francisco da Praza do Obradoiro, durante os que interpretaron, coa combinación máis ou menos ordenada dos elementos sonoros, a obra de Kagel. Coa actuación, que espertou unha grande expectación, pretendeuse ademais desterrar os tópicos cualificativos cos que acotío se relaciona a música contemporánea, tales como “elitista, fría ou aburrida”. O TAC evidenciou con esta a súa primeira incursión musical que todos podemos participar e gozar coa interpretación dos sons máis clásicos.

Próxima actuación
Outra iniciativa do Taller Atlántico Contemporáneo é o ciclo que a partir desta semana e até finais de ano ofreceranos a posibilidade de achegarnos ao repertorio para a formación de ensemble moderno creado por compositores galegos desde o último cuarto do século XX até os nosos días. Será no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago de Compostela e iniciarase este martes ás oito e media da noite cun concerto no que, por vez primeira, o público terá acceso a unha presentación global do traballo dos nosos creadores.


Ligazóns

5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo 1: Acción fuxidía para 111 ciclistas. Ensaio

O TAC pretendeu facer partícipe a toda a cidadanía da música contemporánea
O TAC pretendeu facer partícipe a toda a cidadanía da música contemporánea