O vindeiro 29 de maio disputarase na localidade da Costa da Morte o I Campionato Alexandre de Fisterra.
O finado Alexandre de Fisterra
“Haiche moito tolo no teu videoxogo!”, que dicían os Diplomáticos. Desde a plataforma 'Fisterra. Único fin do camiño', da localidade da Costa da Morte pensan o mesmo e por iso están a organizar o I Campionato de Futbolín Alexandre de Fisterra. O futbolín, “ese xogo que perdura no tempo aturando as turradas das novas tecnoloxías como ningún outro”, afirman.
E a idea é precisamente homenaxear o seu inventor, finado hai tres anos, “parte da historia da humanidade” que “aos fisterráns debe enchernos de fachenda”, e que morreu hai xa tres anos “sen sentir a calor humana” dos seus paisanos.
A idea do campionato, que terá carácter anual, pretende involucrar os veciños, e aproveitar a xornada para dar a coñecer a obra de Alexandre de Fisterra como editor, intelectual ou inventor.
O prazo de inscrición remata o 29 de maio, data do campionato, ás 14.00 horas, e pódese facer no correo da plataforma fisfincamino[arroba]hotmail. Haberá tres categorías: de 7 a 12 anos, de 13 a 16 anos, e maiores de 16 anos.