É o primeiro estado europeo en prohibir o seu uso nos lugares comúns. A lei non fala de forma explícita da burqa ou do niqab.
O Parlamento belga aprobou esta quinta feira un texto que prohibe o uso do veo islámico integral en calquera espazo público, incluíndo a rúa, converténdose deste xeito no primeiro estado europeo que o prohibe.
Unha vez apoiada pola Cámara de Representantes, o Senado dispón de quince días para tratar a proposta e, a partir de entón, terá un novo prazo renovábel de 60 días para introducir posíbeis emendas.
Con todo, ao estar prevista a inminente disolución das cámaras a próxima semana para convocar eleccións por mor da crise política que atravesa o goberno belga, a proposta podería caducar. O texto foi aprobado con 136 votos a favor, dúas abstencións e ningún en contra.
A lei non fala de forma explícita da burqa ou do niqab, aínda que estabelece que as persoas que se presenten en público enmascarados de tal xeito que xa non sexan identificábeis, serán castigadas cunha multa de entre 82,50 e 137,50 euros e unha pena de prisión de un a sete días.
Algúns expertos expresaron dúbidas sobre a utilidade desta lei. En particular, sinalaron que os regulamentos de policía que prohiben ocultar a cara xa están en vigor na maioría dos municipios.
Debate "manipulador"
Precisamente, a propósito do debate que se está a dar tamén no Estado español ao respecto do uso do veo, a Fundación Araguaney emitiu un comunicado onde considera este debate "político, manipulador e malintencionado".