Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Agárdase que a reforma estea lista para 2011

Acordo no Congreso para que os residentes ausentes non voten nas municipais

Os 334 mil galegos residentes no exterior si poderán votar no resto de comicios. Mais desta volta deberán facelo en urnas instaladas nos consulados.

Redacción - 11:00 29/04/2010

Trasacordo na subcomisión do Congreso que elabora as propostas de reforma da lei electoral. Logo de que en pasadas semanas transcendese a vontade maioritaria de que os inscritos no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA) só puidesen votar nas eleccións lexislativas a nivel estatal, o acordo final renuncia a ese estremo.

Segundo se acaba de coñecer, os grupos parlamentarios acordaron no Congreso que esa restrición do sufraxio para os cidadáns inscritos no CERA sexa aplicada unicamente nas eleccións locais. Os deputados debateron ao respecto da condición de "veciñanza" estabelecendo finalmente que no ámbito local e dada a residencia no estranxeiro das persoas que integran o CERA a votación nos comicios municipais quedará restrinxida aos propios veciños con residencia oficial no propio concello. Iso si, o censo de residentes ausentes poderá seguir exercendo o dereito ao voto no resto de eleccións. Mais neste caso, defínese o compromiso de que o voto se realice en urnas instaladas con tal fin nos consulados do Estado español.

A subcomisión da Cámara baixa tamén estabeleceu a vontade de que esta reforma sexa completada antes da vindeira cita coas urnas en 2011. Segundo o censo en 2009, nesta cita municipal non poderán votar en Galiza un total de 334.330 persoas inscritas no CERA (un CERA que en Galiza aumentou en case dez mil persoas en só doce meses).


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: