Principio de acordo entre os diferentes partidos para que o sufraxio quede restrinxido a eleccións estatais.
Os numerosos puntos escuros que rodean ao voto emigrante dende hai anos poderían pasar á historia. PSOE, PP, CiU, PNV, BNG xa estarían dispostos a apoiar unha reforma que implique que os emigrantes só poderán votar nas eleccións de carácter estatal e sempre con máis garantías de transparencia que na actualidade, tal e como adianta este venres La Voz de Galicia. O que non está tan claro é se os cambios lexislativos serán aplicábeis nos vindeiros comicios de maio.
Se se confirma o acordo verbal xa existente, nas eleccións municipais só poderán votar os residentes no concello. No caso dos comicios autonómicos, poderían exercer o seu dereito ao sufraxio os residentes ausentes de xeito temporal (fundamentalmente estudantes e traballadores desprazados puntualmente fóra das súas comunidades).
No caso dos residentes ausentes permanentes poderían participar só nas eleccións de carácter estatal. Os partidos estudan a posibilidade de ampliar o número de deputados do Congreso e reservar entre catro e cinco asentos no Senado para os representantes da emigración. En todo caso, o voto en urna será unha realidade e só o poderán facer por correo aqueles que o demanden con antelación suficiente.
Un cambio que pode ser decisivo en moitos municipios
Se finalmente a reforma está lista antes de maio, as sorpresas poden chegar a numerosos concellos onde as alcaldías dependen a miúdo dunhas poucas ducias de votos. Hai que ter en conta que na actualidade en numerosos concellos, especialmente do rural, o voto real da emigración supera o 10% dos sufraxios totais emitidos.