Este sábado constituíuse a Asociación de Amigos e Amigas da fundación que leva o seu nome, que adquirirá a vivenda familiar do poeta para musealizala.
“Esta é a decisión e a idea dun grupo de amigos”, explica Saleta Goy, a viúva de Manuel María, “quixemos que a súa obra non se perdese e que houbese un lugar que dese acollida ao seu legado”. Quen fora compañeira inseparábel e inspiración do poeta da Terra Chá na súa temática amorosa como os inesquecíbeis Poemas da Labarada Estremecida, subliña o interese que sempre presidiu a creación da Fundación Manuel María de Estudos Galegos: “cando el faleceu, inmediatamente, recollemos todo o que el tiña, para que nada se perdese” e, agora, o obxectivo é amosalo.
A idea de facer da “Casa das Hortas”, a súa casa natal en Outeiro de Rei, un museo da súa obra foi callando e dá agora os primeiros chanzos para converterse en realidade. Este sábado, no Museo do Pobo Galego de Santiago, constituírase a Asociación de Amigos e Amigas da fundación Manuel María de Estudos Galegos co obxectivo central de adquirir a vivenda e convertela en Casa Museo. “Esta vai ser unha xuntanza de amigos”, destaca Saleta, “e Manuel María fixo moitos dende que sacou o seu primeiro libro con 19 anos”.
Proxecto: adquirir a vivenda e restaurala
Actualmente, a casa é a vivenda habitual dun irmán do poeta, Xosé, e maila súa dona, Xosefa, e o fillo de ambos, Xosé Antón. “El cédenola porque a mercamos para convertela nun museo adicado a Manuel María”, di Saleta, “mais precisan doutro lugar para vivir”. A operación levaría consigo, pois, a construción dunha nova vivenda para eles e a compra da actual. “É unha casiña que data de 1881, típica da Terra Chá e que xa fora construída polos avós de Manuel María”, explica.
O segundo paso será a súa restauración, para habilitala como museo. Nela preténdese dar acollida ao importante legado do poeta, que se distribuiría entre unha biblioteca, que contén a mellor colección particular do libro galego e sobre Galiza dende a posguerra até a actualidade; tamén un fondo artístico moi relevante, sobre todo no que se refire á colección de pintura, aínda que tamén conta con importantes exemplos de escultura e cerámica. En concreto, o Museo acollerá cadros de figuras tan representativas como Castelao, Urbano Lugrís, Laxeiro, Raimundo Patiño ou Díaz Pardo entre moitos outros.
Asemade, a Casa-Museo dará cabida a numerosos documentos manuscritos de persoas relevantes da cultura galega coas que Manuel María mantivo estreita relación, como Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro ou Ramón Piñeiro. Tamén diferentes coleccións de obxectos particulares e os elementos convencionais das Casas Museo que achegan a obra e a figura de Manuel María.
A Xunta segue sen contestar
A iniciativa xa recibiu o apoio das Deputacións de Lugo, Ourense e A Coruña e a dos concellos de Outeiro de Rei e Monforte (onde a parella viviu 40 anos). Tamén se sumaron varias empresas privadas ou o grupo musical Berrogüeto, que destina ao proxecto parte da recadación dos concertos da xira coa que presentan o seu novo disco. Na xuntanza do sábado preténdese precisamente canalizar as colaboracións dos particulares mediante a achega de todo tipo de obxectos que teñan relación con Manuel María (cartas, tarxetas, fotos, postais, conferencias...) e achegas económicas para a posta en marcha do Museo.
Porén, a Xunta de Galiza aínda non se pronunciou sobre se apoiará ou non o proxecto. “Eu acostumo a non queixarme nunca”, di Saleta Goy, Manuel María “nunca estivo protexido polo que se pode chamar oficialismo”, apunta. Con todo, a viúva do poeta agarda que o Goberno se sume á iniciativa: “supoño que antes ou despois a cuestión madurará”, di ao tempo que pide “mentalidades máis abertas” para as institucións, máis alá das discrepancias partidarias. Sen queixa explícita ningunha sobre o trato que recibiu a figura de Manuel María por parte das institucións, Saleta subliña a consideración que sempre lle outorgaron os amigos: “sempre estivo moi recoñecido polas universidades, os colexios, os colectivos culturais... recoñecido por todo o que podemos chamar pobo”.