Un dos grupos referenciais do folc galego homenaxea ao poeta da terra dous anos despois do seu pasamento. Acaba de chegar ás tendas de discos Unha estrela por guía, que reúne dez cancións e outra a modo de "bonus track". Algunhas das Cancións do Lusco ao Fusco, ou dos Sonetos á casa de Hortas saen dos libros de Manuel María e sonnos transmitidos agora a través da música de Milladoiro e a voz da ferrolá Laura Amado, que xa colaborara en varias ocasións nos espectáculos en directo do grupo, e dos membros do grupo Ruote.
"Adentrarse (sic.) no universo poético de Manuel María é botar a andar nun labirinto que percorre a complexidade existencial, vital, ideolóxica, dun home, dun poeta que fai dos misterios da alma lúcida metáfora na sinxeleza, diríamos hoxe no minimalismo, dun verso: Só unha estrela por guía". Así presenta Milladoiro o seu novo traballo. A formación, con case trinta anos de existencia, chega así ao seu vixésimo disco. O disco xa foi presentado o ano pasado no Pazo da Cultura de Pontevedra, e agora gozaremos do seu repertorio no primeiro concerto de Sons da Diversidade, o próximo 24 de febreiro no Auditorio de Galicia. Despois comezará unha xira por Galiza, Brasil, Holanda e Bélxica.