O experimento, que pretende descubrir como funciona o universo, pódese seguir ao vivo a través da internet.
O colisor
Este 30 de marzo comezan nas instalacións do Centro Europeo para a Investigación Nuclear (CERN) os experimentos do Gran Colisor de Hadróns (LHC). Serán as primeiras tentativas de facer colidir feixes de protóns a sete teraelectrón-volts para descubrir novos tipos de partículas e entender como funciona o universo.
Os experimentos produciranse pola mañá e está previsto que, en canto se confirmen as primeiras colisións, se dea unha conferencia de prensa anunciando os resultados.
Nesta xornada confirmarase, de vez, se de verdade o experimento provocará a fin do mundo. Despois de múltiples tentativas sen éxito, os científicos do CERN están ansiosos por coñecer os resultados de máis dunha década de traballo e varios millóns de euros de investimento.
O CERN está a retransmitir ao vivo por internet e vía satélite o acontecemento, que tamén se pode seguir a través do seu Twitter. Polo momento, algúns problemas técnicos obrigaron a reiniciar a experiencia.