O mércores pouco antes das 10:30 da mañá comezaron os experimentos que aspiran a desvelar a orixe do Universo.
O gran colidor de hadróns (LHC) xa efectuou este mércores a súa primeira proba. O primeiro raio de protóns cruzou o circuíto de 27 quilómetros ás 10:28 da mañá. E, en contra do que afirmaban algúns alarmistas, non foi a fin do mundo.
Para chegar até aquí fixeron falla dúas décadas de traballo de 10 mil científicos e axustar perfectamente miles de pezas. De todos os xeitos, o que se produciu este mércores é só o comezo dos experimentos que se desenvolverán a partir de agora no túnel situado a 100 metros baixo terra entre Francia e Suíza.
Aínda é cedo, no entanto, para coñecer os resultados dos experimentos que leva a cabo o CERN, preto de Xenebra, e que pretenden coñecer detalles sobre a formación do Universo e confirmar ou desmentir teorías científicas sobre partículas elementais, dimensións, a orixe da masa ou a materia escura.
A posibilidade de que as colisións de raios de protóns que se van levar a cabo no LHC poidan crear minúsculos buratos negros fixo saltar algunhas alarmas, inxustificadas para os científicos do CERN.