Con Gómez Noya ausente por lesión, a representación galega foi o ordense, que demostrou un excelente estado de forma na estrea da Copa do Mundo.
O australiano Brad Kahlefeldt foi o vencedor na primeira proba da Copa do Mundo de Triatlón, disputada na localidade australiana de Mooloolaba. Atrás del completaron o podo Stuart Hayes e James Seer. E a 1'45'' atravesaba a meta o galego Iván Raña en sétimo lugar.
Raña sorprendía así chimpando á lista dos dez mellores na proba inaugural da tempada malia a súa longa ausencia da alta competición. No último ano, o atleta de Ordes estivera concentrado na súa experiencia coa bicicleta, rodando as estradas coa camisola do Xacobeo Galicia. De feito, a anterior experiencia na elite do triatlón de Iván Raña fora xa na altura das Olimpíadas de Beixín. Con trinta anos de idade, Raña demostra así o seu bo momento de forma nesta toma de contacto coa esixente disciplina de tripla especialidade. A cita clave deste inicio de tempada será en dúas semanas en Sidney, daquela para a inauguración do Campionato do Mundo, a máxima categoría do triatlón mundial. Aló conta estar tamén Xavier Gómez Noya.