Pequenas molestias adían a entrada en competición do triatleta, que non estará o domingo en Australia na primeira proba da Copa do Mundo.
Unha dor na cadeira, aparecida a semana pasada logo dunha sesión intensa de adestramento de atletismo, complicou o inicio da competición 2010 para o laureado triatleta galego Xavier Gómez Noya.
Logo duns días de descanso nesa parte do adestramento, centrado na natación e na bicicleta, e ao non remitir a molestia, Gómez Noya pasou polo traumatólogo e, segundo informan desde o contorno do deportista, "afortunadamente non se encontrou ningunha lesión".
Iso si, a dor impedirá que tome a saída na primeira proba da Copa do Mundo este ano, a disputar o domingo na localidade australiana de Moololaba. De ir todo ben e funcionar o descanso e a fisioterapia, o campión estaría listo para mallar as pistas o próximo 11 de abril, na que será a proba inaugural do Campionato do Mundo, a celebrar en Sidney.