Un estudo independente chegou á conclusión de que decisión de rexeitar o novo nome fora inxusta.
Tres anos despois do seu rexeitamento, volve haber unha nova proposta para crear o dominio .xxx, destinado exclusivamente ao contido "para adultos". Este venres 12, a Icann decidirá novamente se acepta crear ese 'barrio' da internet, que en 2007 quedara aparcado por mor das protestas de grupos ultraconservadores estadounidenses.
Segundo informou a BBC, un estudo independente chegou á conclusión de que a decisión fora inxusta e que se debe volver a considerar o plan. Así, a Icann confirmou que discutirá a proposta na xuntanza que vai ter lugar en Nairobi. O presidente de ICM Registry, empresa que pretende vender os dominios .xxx, confiou en comezar a comercializalos a finais de ano.
A proposta dun dominio .xxx xurdiu en 2001 e foi aceptada pola Icann catro anos despois. O seu obxectivo era crear un reduto para a pornografía na internet, de xeito que quen quixese puidese acceder a ela e que non, puidese bloqueala dun xeito doado. Porén, o esquema é voluntario, polo que as webs para adultos poderían seguir usando outros dominios, como o .com.
Casualmente, a nova coincide co anuncio da poxa polo dominio "sex.com", que sairá á venda o 18 de marzo en Nova York a partir dun prezo dun millón de dólares (uns 735 mil euros).