Logo de meses de escándalos e acusacións cruzadas, a presidenta en funcións e a Permanente dimiten e deixan o organismo ensarillado na maior crise da súa historia.
Galiza Nova presentou unha queixa diante do Valedor do Pobo logo da asemblea
O Consello da Xuventude de Galicia é dende 1987 o organismo encargado por lei de defender os intereses da mocidade diante da Xunta. Nestes xa case 23 anos de andaina, a entidade foi unha especie de viveiro no que se curtiron numerosos mozos que acabarían tendo postos de responsabilidade política. O mellor exemplo é o de Xosé Blanco. O vicesecretario xeral do PSOE e ministro de Fomento, foi con 25 anos o primeiro presidente do Conxuga. Entre a longa lista de sucesores hai agora coñecidos dirixentes sociais e políticos como é o caso da sindicalista Laura Bugallo (membro da Executiva da CIG); ou Xosé Manuel Lage (deputado do PSdeG). Conselleiros como o de Industria (Javier Guerra) tamén participaron na fundación do Conxuga.
O sempre convulso Consello da Xuventude de Galicia (Conxuga) vive dende hai dúas semanas unha situación inaudita. A dimisión da súa presidenta en funcións, a socialista Loli Rodríguez Amoroso, trouxo canda si a caída da Permanente e agravou o estado de absoluto desgoberno que sofre a entidade dende hai case un ano. No medio da treboada atópanse os seis traballadores da entidade pública que vén como a falta de acordo entre as diferentes asociacións con representación no Conxuga deixa a este organismo en coma inducido.
A esperpéntica situación que vive o Conxuga remóntase a hai un ano. Nunha asemblea xeral chea de incidencias, Azucena Rodríguez Amoroso, do colectivo estudantil Iesga, era elixida nova presidenta. Asociacións como Galiza Nova ou Novas Xeracións coincidían en tildar de “fraude” a elección. Estes colectivos acusaron á até aquel momento presidenta, Loli Rodríguez Amoroso, de ter manobrado para deixar a súa irmá á fronte do organismo público. No enfrontamento viuse implicado o deputado socialista Xosé Manuel Lage que mantivo un enfrontamento con representantes das xuventudes do PPdeG e do BNG.
Tres meses despois e logo de que Galiza Nova denunciase a nulidade da asemblea diante do Valedor e de que Novas Xeracións amagase con levar a elección aos tribunais, Azucena Rodríguez decidiu presentar a renuncia ao cargo. Dende ese momento, e até mediados do mes pasado, Loli Rodríguez (xa sen dedicación exclusiva) pasou a ser presidenta en funcións, mentres as máis de vinte asociacións que compoñen o Conxuga intentaban chegar a un acordo para anovar a dirección.
O acordo a tres bandas entre mozos próximos a PPdeG, PSdeG e BNG revelouse imposíbel. Fronte a isto, a asociación xuvenil Don Bosco intentou nuclear unha candidatura pilotada por colectivos “non políticos” pero que integrase a todas as sensibilidades na Permanente. O entendemento tampouco chegou.
Unha reforma que non pode adiarse
Nos seus case 23 anos de historia, o Conxuga foi fonte de numerosas polémicas. A aprobación e fiscalización das contas é un dos sempiternos motivos de conflito. Graves acusacións de todo tipo (que nunca acabaron nos tribunais) tensaron aínda máis as relacións internas.
O Conxuga é o foro que mellor representa á mocidade galega? Incluso as asociacións que forman parte deste organismo non son quen de dar unha resposta positiva. Mentres Novas Xeracións fai votos por intentar chegar a un consenso e corrixir certas “disfuncións” históricas, outras organizacións críticas coa última presidencia, como Galiza Nova, avogan pola necesidade dunha “reforma moi profunda para saír da parálise”. Quen aínda non se posicionou foi a Xunta. O Goberno optou até o momento por non interferir directamente na crise que vive o Conxuga.