En 2010 cúmprense 45 anos do seu primeiro número, e Terra e Tempo aproveita para estrear unha nova versión en liña do proxecto.
Á revista en papel pasarán desde agora os traballos de maior extensión e profundidade analítica, segundo anuncian. E máis ao pé da actualidade, o Terra e Tempo dixital fornecerá con maior periodicidade de opinión e análise ao respecto do país.
O Terra e Tempo está editado pola Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas, entidade constituída en 2004 a iniciativa da Unión do Povo Galego (UPG). Entre os seus obxectivos, a Fundación ten a promoción da recuperación de toda aquela documentación que constitúa elemento de identidade do movemento nacionalista galego, especialmente na segunda metade do século. E tamén inclúe a meta difusión entre a cidadanía dos estudos sobre a realidade da nación galega e a súa sociedade que contribúan a un mellor coñecemento da realidade da Galiza e do mundo.
A web estruturase en cinco seccións (Galiza, Lingua e Cultura, Economía e Traballo, Sociedade e Internacional). Entre as reflexións que aparecen en portada nestes primeiros pasos da publicación na rede están o artigo 'O goberno dos ausentes', de Pablo Carracedo, onde se avalía criticamente o labor da Consellaría de Educación e 'Feijoo09-Galiza 0', de Martiño Santos, que analiza a traxectoria da Xunta neste primeiro aniversario da vitoria do PP nas urnas.