As cinco rexións máis afectadas, ademais da capital, serán declaradas "zonas catastróficas" polo Goberno.
Un forte terremoto de 8,8 graos na escala de Richter sacudiu na madrugada deste venres ao sábado a rexión chilena do Biobío, no centro-sur do país, segundo informou o Servizo Xeolóxico dos EUA (USGS).
Así que se rexistrou o sismo, o organismo emitiu unha alerta por tsunami nas rexións costeiras de Chile e de Perú e un aviso preliminar ante a posibilidade da aparición dunha onda xigante que pode alcanzar a costa de Ecuador.
A presidenta chilena, Michelle Bachelet, informou de que máis dun cento de persoas morreron e que o sismo ocasionou grandes danos materiais no sur do país. As cinco rexións máis afectadas, ademais da área metropolitana de Santiago, segundo indicou a mandataria, serán declaradas "zonas catastróficas".
O epicentro do sismo rexistrouse a unha profundidade de 55 quilómetros e a unha distancia 89 quilómetros ao nordés de Concepción, a zona máis afectada.