O Goberno e o principal grupo rebelde, o JEM, e asinaron un acordo, porén o SLM -outra guerrilla- critica a suposta paz.
"A crise en Darfur acabou, a guerra de Darfur rematou. Darfur está agora en paz", asegurou esta cuarta feira o presidente do Sudán, Omar Al Bashir, un día despois de asinar un acordo co principal grupo rebelde.
A rexión é escenario dunha guerra civil desde 2003, na que morreron 300 mil persoas, segundo os cálculos da ONU, 10 mil, segundo Khartum. Uns 2,7 millóns de persoas víronse desprazadas.
O Movemento para a Xustiza e a Igualdade (JEM, siglas en inglés polas que é coñecido) asinou o martes en Qatar un acordo político co goberno de Sudán, que prevé un cesamento do fogo e a rúbrica dunha "paz definitiva" de aquí ao 15 de marzo.
"O combate das armas rematou, comeza o do desenvolvemento", engadiu o presidente, sobre o que pesa unha orde de arresto do Tribunal Penal Internacional (TPI) por crimes de guerra e crimes contra a humanidade en Darfur.
Xusto despois do acordo, as autoridades sudanesas liberaron este mércores 57 membros do JEM, que foran detidos logo dun ataque en maio de 2008 contra a cidade de Omdurman.
Críticas do SLM
Con todo, outro grupo rebelde da rexión, o Exército/Movemento de Liberación de Sudán (SLM, siglas en inglés polas que é coñecido) que lidera Abdul Wahid Al Nur, criticou o acordo.
"De que paz se trata? Dunha paz testemuñal, dun combate para obter postos no goberno, mais que non se interesa polo fundamental: garantir a seguridade da poboación" de Darfur, declarou ás axencias internacionais.