A piques de recuncar á fronte de UUAA, García defende a necesidade de potenciar o carácter estratéxico do sector agrogandeiro. Falamos con el ao fío do congreso nacional que a formación celebra este sábado.
Unións Agrarias ten 25 anos de historia en Galiza e conta con 37 sedes e 14 mil afiliados
Roberto García (Rodeiro, 1958) leva 23 anos á fronte de Unións Agrarias (dende que fora elixido secretario xeral por vez primeira en 1987). Dende entón até agora viviu mudanzas clave no sector agrogandeiro galego, un tempo no que máis de 300 mil persoas que traballaban no campo abandonaron o medio rural como xeito de vida. Esta fin de semana afronta o VIII Congreso Nacional, unha cita na que optará á súa quinta reelección.
Vieiros: Logo de catro mandatos e máis de dúas décadas no cargo vería vostede moitos avances no sector e moitos outros retrocesos. Cales considera que foron as mudanzas máis salientábeis para ben ou para mal?
O principal cambio que vivimos nestes anos no sector do campo e da gandería foi o dunha forte reconversión. Na década dos 80 Galiza rexistraba uns 400 mil activos no campo, é dicir sobre o 12% da poboación activa; hoxe a cifra non supera os 85 mil. Esta transformación levou canda si un importante incremento da cualificación profesional dos gandeiros, que se viron na obriga de facer as explotacións máis competitivas. Isto só foi posíbel grazas a un investimento moi forte que, as máis das veces, partiu dun tamén forte endebedamento persoal xunto coa disposición de maiores fondos públicos. Con todo, hai que subliñar que os gandeiros fixeron os seus deberes, asumindo estes cambios moitas veces en solitario.
Falando da disposición de fondos públicos, o sector foi moitas veces acusado de vivir en exceso das subvencións. Até que punto é o agrogandeiro un sector subsidiado?
Creo que temos que cambiar ese concepto que é certo que é común na opinión pública. Dunha banda hai que subliñar que as axudas europeas están moi mal repartidas e que, como consecuencia da nosa tardía entrada na UE, hai un significativo agravio comparativo entre as subvencións que recibe o Estado Español e outras potencias. Ademais, de todos os miles de millóns que veñen de Bruxelas a inmensa maioría van para outras comunidades, non para Galiza nin para a cornixa cantábrica.
Doutra banda, está a cuestión de quen sae beneficiado destas axudas: as subvencións permiten que o consumidor poida acceder a produtos do agro a un prezo adquiríbel. Se non houbese unha axuda de por medio, o consumidor tería que pagar por un quilo de carne uns 30 euros en troques dos 15 actuais.
Finalmente, hai que ter en conta que con este tipo de achegas económicas estase ademais favorecendo a un sector que fai un importante traballo ambiental: de non traballar no rural, os terreos quedarían moi probablemente abandonados e improdutivos.
Cuestións como esta do abandono do campo, os prezos, as marxes dos intermediarios... Semella que os problemas do sector son sempre os mesmos, Cales serían as verdadeiras solucións que demanda UUAA dos gobernos galego e español?
Basicamente podemos falar de tres cuestións nas que continuaremos a traballar. En primeiro lugar hai que subliñar a idade avanzada que actualmente teñen os titulares das explotacións. Para garantir un futuro para o sector debemos garantir tamén o seu relevo xeracional e para iso é imprescindíbel que as explotacións agrogandeiras sexan rendíbeis e viables economicamente. Aquí é onde entra a cuestión das marxes do prezo do produto que recibe o produtor. É fundamental que o prezo que paga o consumidor se reparta doutro xeito porque todos somos conscientes que actualmente son os intermediarios, que non achegan nada á cadea produtiva, os que levan os maiores beneficios.
En segundo lugar consideramos fundamental a disposición de terreos. É unha cuestión que non está na man dos gandeiros, senón da Administración. Falabamos antes do abandono de máis de 300 mil produtores nos últimos 30 anos mais, os terreos que antes traballaban non reverteron nos que aínda manteñen a súa produción. É preciso un mellor ordenamento da terra, así como medidas fiscais que favorezan o seu arrendamento ou adquisición.
E en terceiro lugar, é necesaria a dignificación da profesión. Os gandeiros non poden ser considerados cidadáns de segunda, sen igual acceso ás tecnoloxías ou á sanidade, por exemplo. É preciso un reequilibrio do sistema de servizos que dea igual cobertura ao rural.
E pronto chegará a revisión da Política Agraria Común (PAC). Como afronta UUAA este momento que previsibelmente será fundamental para o sector?
Confiamos en que o Estado Español poida aproveitar o momento de presidencia europea para acadar un consenso en tres puntos fundamentais. Primeiro, o mantemento da PAC máis alá de 2013, así como o orzamento comunitario que fai posíbel estas políticas. En segundo lugar defendemos unha reformulación da reforma de 2003, que permita poñer en marcha sistemas de intervención como a retirada do leite do mercado que permitan garantir uns prezos mínimos. E, por último, homologar un reparto máis equitativo e xusto das axudas de xeito que os produtores poidan defender o seu traballo en pé de igualdade e non en función do lugar no que residan da UE.
En Galiza contamos actualmente con tres sindicatos agrarios ben diferenciados que representan o sector e cada un cunha clara adhesión política. Até que punto dificulta esta clara división os intereses dos gandeiros?
Nun país democrático, a organización dos agricultores é moi lexítima. No Estado Español temos tamén tres organizacións representativas, que son COAG, ASAJA e UPA, na que nós estamos integrados. Esta diferenciación non xera especiais dificultades porque, se ben é certo que hai diferentes sensibilidades, a nosa resposta ante os problemas é unitaria, como se demostrou na manifestación celebrada en Madrid no mes pasado. No caso galego repítese a mesma unidade de acción, con algunha excepción como o caso do SLG no tema do leite, mais iso non se traduce en maior debilidade.
Como valora a aparición recente doutros grupos á marxe dos sindicatos como foi o caso de Gandeiros Unidos?
Este colectivo xurdiu como reacción a unha situación moi determinada: pertence a un grupo de gandeiros que teñen un número moi reducido de explotacións mais dun tamaño moi grande. Viñan dunha situación de privilexio, porque tiñan unha capacidade de negociación elevada en función da cantidade de cota láctea que reunían. Tal foi así que chegaron a recibir até 15 pesetas máis por litro que outros gandeiros sen a mesma capacidade. Como colectivo sentiron que os sindicatos defendiamos outros intereses, porque atendíamos a criterios homoxéneos, que favoreceran a todos e non a uns privilexiados. Querían restaurar a anterior situación de privilexios e entendían que o inimigo eran os sindicatos, cando non era outro que a industria, que paga o leite ao prezo que quere, e os gobernos, que teñen a capacidade de negociar para que se regulen eses prezos.
Esta fin de semana vostede concorre como único candidato a recuncar na Secretaría Xeral de UUAA; É ese síntoma de confianza en vostede ou de falta de debate no seo do sindicato?
Nunha organización coma esta prima ante todo a unión e a falta de confrontación interna. Ademais hai que ter en conta o grao importante de sacrificio que leva canda si o traballo do sindicato, un traballo que se asume por vocación e non por unha grande remuneración económica, que se cadra podería ter como consecuencia unha maior loita interna. Historicamente, tanto en UUAA como en UXT non temos este tipo de loitas porque partimos dunha base moi unida. O que si temos, por suposto, é debate e nese sentido o Congreso desta fin de semana vai ser un punto de inflexión para o noso traballo futuro. Poremos o foco nas propostas e debateremos sobre o camiño seguido até o de agora e sobre os vieiros que deberemos seguir no futuro.